Noticias

Máis de 150 persoas participarán esta fin de semana en dúas excursións do programa "En ruta coa Depo"

Veciñas e veciños da provincia de Pontevedra realizarán visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico


08 decembro 2017
En Ruta coa Depo

O programa da Deputación de Pontevedra "En ruta coa Depo" organiza para esta fin de semana dúas novas saídas que contan coa participación de 151 persoas de dúas asociacións pertencentes aos concellos de Vigo e Cangas. Estas excursións, que terán lugar este sábado e o domingo, permitirán ás persoas participantes coñecer os principais recursos turísticos da Guarda, Tomiño, Tui e Meis.

Para comezar, o sábado 9 de decembro, 45 persoas da Escola Tempo Libre–Xaruma, de Vigo, farán unha ruta cultural na que visitarán o castro de Santa Trega, na Guarda; o Espazo Fortaleza, en Goián (Tomiño); o conxunto histórico de Tui; o monte Aloia e o Alto dos Cubos.

Pola súa banda, o domingo 10 de decembro, 106 persoas do Club de Pensionistas Airiños de Aldán e O Hío percorrerán Meis para coñecer o mosteiro da Armenteira, os muíños de Batán, o monte do Castro, o pazo de Señoráns e a Ruta da Pedra e da Auga.

O programa "En ruta coa Depo" pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Ademais, esta iniciativa ten por obxectivos impulsar actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable, así como rutas específicas onde nais, pais, titoras e titores poidan gozar coas nenas e os nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.


Novas relacionadas

En ruta coa Depo

20 set 2016, en ruta