Noticias

Máis de 1.000 persoas participan durante a próxima fin de semana nas excursións do programa "En ruta coa Depo"

Veciñas e veciños de 9 concellos da provincia de Pontevedra realizan visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico


11 xullo 2018
En ruta coa Depo

O programa "En ruta coa Depo" organiza a próxima fin de semana 14 novas excursións nas que participan 1.006 veciñas e veciños de 9 concellos da provincia. Estas excursións permitirán ás persoas asistentes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Máis polo miúdo, 324 persoas da Asociación Veciñal, Cultural e Recreativa de San Mamede de Zamáns, do Centro Cultural Artístico e Recreativo de Valladares, da Asociación Portas pola Igualdade e da Asociación Cultural Mulleres do Mar de Cambados visitarán a illa de San Simón, o Museo Meirande, Redondela, o castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio.

Pola outra banda, 108 persoas pertencentes ao Centro Sociocultural e Deportivo As Pedriñas e a Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra poderán coñecer a illa da Toxa, gozarán dun paseo en barco pola ría de Arousa (con degustación) e tamén visitarán O Grove, o Museo da Salga e darán un paseo pola zona e o xacemento da Lanzada.

Tamén, 108 persoas da Asociación de Veciños Chan do Bosque e da Asociación de Veciños La Comunidad de Pias farán a ruta pola illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo.

Ademais, 162 persoas do Club de Xubilados de Santa Eulalia de Meira e da Asociación Avelaíña de Axuda a Persoas con Problemas coñecerán o parque do Río Barosa, en Barro, e tamén visitarán a antiga azucreira, o miradoiro do val do Umia, a exposición sobre Domingo Fontán en Portas, o xacemento da Igrexa Vella de Santa Comba en Louro (Valga) e as Torres de Oeste, en Catoira.

Tamén, 108 persoas pertencentes á Asociación de Mulleres Rurais de Tabeirós visitarán o castro de Santa Trega na Guarda, o Espazo Fortaleza en Goián (Tomiño) e o conxunto histórico, o monte Aloia e o Alto dos Cubos en Tui.

Por outra banda, 54 persoas da Asociación de Maiores, Pensionistas e Xubilados visitarán o conxunto histórico de Cangas, a igrexa do Hío, o miradoiro da costa de Soavela e Cabo Home mentres que, en Bueu, acudirán a Cabo Udra e ao Museo Massó.

Tamén, 108 persoas da Asociación de Veciños de San Mamed de Torroso coñecerán Cambados, que é a Cidade Europea do Viño, así como o Museo Etnográfico do Viño, as ruínas de Santa Mariña Dozo, o conxunto histórico da cidade, a adega do pazo de Fefiñáns (con degustación) e o Museo Muíño de Mareas da Seca.  

Por último, 34 persoas da Federación Cogami de Pontevedra coñecerán o conxunto histórico e o Museo da cidade de Pontevedra e a illa de Covo.

"En ruta coa Depo" ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia, promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, que antes non podían participar, así como ofrecer alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia e promocionar rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente as nenas e nenos. O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e transporte.

No 2017 participaron na iniciativa "En ruta coa Depo" 17.501 persoas pertencentes a 410 entidades da provincia. Para este 2018 foron adxudicadas en total 19.814 prazas, 2.313 máis que o ano anterior.