Noticias

Máis de 100 persoas participarán desde este martes en catro obradoiros de "Tecendo Lazos"

A Deputación de Pontevedra leva ata Barro, Cotobade, Mos e Moraña os obradoiros do seu programa interxeneracional que pon en contacto ás persoas maiores coas máis novas


25 decembro 2017
Tecendo Lazos

A Deputación de Pontevedra pon en marcha este martes 26 de decembro catro novos obradoiros do programa "Tecendo Lazos", promovido polo servizo de Cohesión Social e Xuventude da institución provincial, nos concellos de Barro, Cotobade, Mos e Moraña. En total, 108 persoas destes catro concellos beneficiaranse desta iniciativa que ten por obxectivo fomentar o envellecemento activo das persoas maiores e impulsar as habilidades sociais e a empatía das máis novas a través dunha serie de obradoiros interxeracionais de lecer e tempo libre.

Máis polo miúdo, en Barro participarán 32 persoas nun obradoiro de "Bailes de Romería" que alongarase ata o 9 de xaneiro e terá lugar no salón de actos da Biblioteca Municipal. Pola súa banda, en Cotobade, 24 persoas acudirán á Biblioteca Pública de Tenorio para gozar do obradoiro "Regreso ao pasado, xogos tradicionais". Este obradoiro rematará o 29 de decembro.

No concello de Mos, 23 persoas participarán ata o 4 de xaneiro en "Risoterapia creativa anti estress", que celebrarase no Multiusos Municipal das Pozas, e por último, en Moraña, 29 persoas desfrutarán ata o 3 de xaneiro, na Casa de Cultura, dun obradoiro de "Elaboración de xabóns con receita".

"Tecendo Lazos" é unha iniciativa do servizo de Cohesión Social e Xuventude á que a institución provincial destina 60.000 euros, ten o obxectivo de fomentar o envellecemento activo das persoas maiores e impulsar as habilidades sociais e a empatía das máis novas a través dunha serie de obradoiros interxeracionais de lecer e tempo libre. Estas actividades están destinadas a persoas de distintas xeracións dunha mesma familia, para a adquisición de lazos afectivos entre elas, dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra. Ademais, impulsaranse estratexias e oportunidades para crear espazos para o encontro, a sensibilización, a promoción do apoio social e o intercambio de recursos, ideas e valores que produzan lazos afectivos para poder construír sociedades máis xustas, integradas e solidarias.

En xeral, "Tecendo lazos" oferta cinco temáticas de obradoiros diferentes: "Risos en familia", "O noso son", "Xogos e xoguetes tradicionais. Xogando en familia", "Faino ti mesmo" e "Rastrexos". Como novidade, este ano, os obradoiros levan incorporado un módulo titulado "A historia do meu concello" no que se fará partícipe ás persoas participantes na recompilación de relatos e historias dos concellos da provincia nos que se desenvolvan as actividades.