Noticias

Máis de 1.900 nenas e nenos da provincia participarán nas "Deporte Escolas" de patinaxe da Deputación

O novo modelo de funcionamento do programa, no que se impulsaron accións de comunicación para o fomento da participación e visualización, tradúcese en 219 nenas e nenos máis nas escolas de patinaxe e sete novos concellos que as solicitaron


05 oct 2016
Deporte Escolas
deporte escolas

A deputada de deportes, Chelo Besada, deu por inaugurada esta tarde as "DEPOrte Escolas" de patinaxe da Deputación na que van a participar máis de 1.900 nenas e nenos de 30 concellos da provincia con idades comprendidas entre os 5 e os 15 anos. A inauguración das "DEPOrte Escolas" de patinaxe tivo lugar no IES Sánchez Cantón de Pontevedra, cunha reunión para organizar horarios e grupos, onde se desenvolve a única escola de patinaxe xestionada directamente desde a Deputación de Pontevedra.

Este ano, como novidade principal e ademais do cambio de imaxe e denominación das escolas deportivas para convertelas nas "DEPOrte escolas", mudou o funcionamento das mesmas co obxectivo de dotalas de transparencia e maior participación, respectando a autonomía municipal, sen competir coas escolas deportivas xa postas en marcha nos concellos da provincia. O renovado programa busca a implantación igualitaria e equilibrada no territorio, a promoción do deporte base, un maior incremento da oferta de iniciación á práctica deportiva, a garantía de que cheguen ós concellos disciplinas deportivas non existentes, que as nenas e nenos poidan acceder ó deporte e, finalmente, a consolidación de todas as escolas que se vaian creando nos distintos concellos.

Este esforzo por converter ás escolas nun programa máis transparente e participativo, impulsando actuacións de comunicación coa finalidade de achegar a información sobre as escolas ás familias, ANPAS e concellos,xa está a dar os seus froitos. De feito, nas "DEPOrte escolas" de patinaxe participan este ano 219 nenas e nenos máis que o ano pasado, acadando os 1919 participantes fronte ós 1700 e, no caso concreto daescola de patinaxe do Sánchez Cantón pasamos de 140 persoas inscritas no 2015 a 299, é dicir, 159 nenas e nenos máis este ano.

Tamén cómpre destacar que houbo solicitudes de sete concellos máis para poñer en marcha novas escolas de patinaxe, sumando un total de 32 "DEPOrte escolas" de patinaxe para o curso 2016/2017.

As "DEPOrte escolas" da Deputación de Pontevedra ofertan as modalidades deportivas de balonmán, fútbol, taekwondo, patinaxe, judo, rugby, marcha, piragüismo e baloncesto. A súa implantación terá lugar de forma progresiva, a medida que a institución provincial teña a todas as nenas e nenos inscritos nas diferentes modalidades. De feito, ademais de patinaxe, esta semana comezan as escolas de judo e fútbol.