Noticias

Máis de 1.000 persoas participan durante esta fin de semana nas excursións do programa "En ruta coa Depo"

Veciñas e veciños de 9 concellos da provincia de Pontevedra realizan visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico


21 setembro 2018
En ruta coa Depo

O programa "En ruta coa Depo" organiza esta fin de semana 15 novas excursións nas que participan 1.040 persoas de 8 concellos da provincia. Estas excursións permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Máis polo miúdo, 108 persoas da Asociación de Xubilados e Pensionistas A Avoa, visitarán Cambados, Cidade Europea do Viño: Museo Etnográfico e do Viño, ruínas de Santa Mariña Dozo, conxunto histórico de Cambados, adega do pazo de Fefiñáns (con degustación) e Museo Muiño de Mareas da Seca.

Pola súa banda, 54 persoas pertencentes á Unión Democrática de Pensionistas UDP, coñecerán o conxunto histórico de Salvaterra de Miño e parque da Canuda; Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea (Arabo) e pesqueiras do Miño, en Arbo.

Tamén, 324 persoas da Asociación 3ª Edad Quiñones de León, da Asociación San Salvador, da Asociación Mulleres Rurais Sementerira e de Acrofam, farán a ruta por Arousa: Illa da Toxa, paseo en barco pola ría de Arousa (con degustación). O Grove, Museo da Salga e paseo pola zona, e xacemento da Lanzada.

Por outra banda, 54 persoas pertencentes á Asociación de Mulleres Rurais de Toiriz poderán visitar San Simón: illa de San Simón, Museo Meirande, Redondela, castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio.

No caso da Asociación de Mulleres Rurais A Purisima, 54 persoas coñecerán A Illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo.

Pola súa banda, 216 persoas da Asociación de Mulleres Rurais A Candaleria, da Asociación de Mulleres Os Muíños de Curantes, da Asociación de Mulleres Rurais de Valeixe e da Asociación Cultural Casa Cultura de Arcos, visitarán as illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés.  

Outras 122 persoas da Asociación Comarcal de Educación Especial Santísimo Cristo del Amor e de Alento, visitarán Pontevedra: conxunto histórico, Museo de Pontevedra e illa do Covo.

E xa por último, 108 persoas da Asociación Juan XXIII, farán a súa ruta por Lalín: Centro Castrodeza, Museo Municipal Ramón María Aller, pazo de Liñares, Museo Galego da Marioneta e Casa do Patrón.

"En ruta coa Depo" ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia, promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, que antes non podían participar, así como ofrecer alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia e promocionar rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente as nenas e nenos. O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dunha ou dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e trasporte.

No 2017 participaron na iniciativa "En ruta coa Depo" 17.501 persoas pertencentes a 410 entidades da provincia. Para este 2018 foron adxudicadas en total 19.814 prazas, 2.313 máis que o ano anterior.