Noticias

Maden Castillo de la Rosa debate na Escola de Igualdade María Vinyals sobre a existencia dun estilo de liderado feminino

A presidenta, Carmela Silva, sinalou a Igualdade como "a causa máis xusta que coñezo"


29 set 2016
Maden Castillo de la rosa
Maden Castillo

Durante toda a mañá de hoxe a Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra, situada no Castelo de Soutomaior, está a acoller a xornada "Muller e liderado. Ferramentas e estratexias para mellorar o teu liderado!". A última das actividades organizadas ao abeiro desta iniciativa do Servizo de Igualdade da institución provincial foi un relatorio, elaborado pola experta en comunicación e liderado con perspectiva de xénero Maden Castillo de la Rosa e moderado pola presidenta da Asociación de Empresarias Galicia, Susana Pérez Iglesias, que respondeu ao título "Existe un estilo de liderado feminino? Muller e Poder".

Castillo de la Rosa asegurou que, malia haber unha nova visión social de autoconsciencia das mulleres, "o mundo segue a ter unha clara perspectiva masculina", e asegurou que un dos maiores impedimentos para as mulleres á hora de acceder ao poder é o denominado como "teito de cristal" que, precisamente por ser de cristal "é transparente e moi difícil de detectar". O fenómeno consiste en que "a ambición profesional é esperada nos homes, pero opcional, e case sempre algo negativo, nas mulleres" e hai unha serie de factores que dificultan romper con esa barreira, como o sexismo na publicidade, os estereotipos e crenzas, a segregación horizontal… "E iso repercute negativamente mesmo nos salarios, xa que por todo iso se pensa que non seremos unhas boas xefas". Ademais, a experta asegurou que "só un 8% das mulleres prefiren ter unha muller xefa e existe o prexuízo de que se se contrata a unha muller para dirixir algo o vai facer, pero non vai estar ao 100% porque vai ter moitas máis preocupacións na mente".

A experta asegurou que "existen novos estilos de liderado onde nos sentimos moito máis cómodas as mulleres porque nos identificamos máis con factores como a confianza nos equipos, a implicación emocional, a valentía, o compromiso e entusiasmo… E precisamente nos sentimos máis cómodas polas dificultades que temos para poder exercer o poder". Ademais, a falta de referentes tamén é, para a relatora, unha destas dificultades, "por iso me alegro tanto pola existencia desta Escola de Igualdade María Vinyals". Tamén sinalou "a axilidade, a humildade, o poder compartido e a transformación continua con actitudes imprescindibles hoxe en día" como características asociadas aos estilos de liderado femininos por ser máis frecuentes nas mulleres, "aínda que non en todas", en contraposición cos "liderados tradicionais".

Castillo de la Rosa tamén falou das crenzas asociadas ao poder, como que "equivale a egoísmo, que é destrutivo", o que evoluciona no "medo a ser fortes porque a literatura e o cinema nos ensinaron que ás mulleres fortes non as quere ninguén". Tamén sinalou que "está demostrado que, a longo prazo, se a muller gaña máis que a súa parella varón isto adoita provocar conflitos na parella". Por todo isto, sinalou que "estes sentimentos nos impiden ver que o realmente corrosivo é a falta de poder" nun contexto no que "non se pode obviar a penalización social ás mulleres que exercen o poder, que son recibidas como menos competentes".

Castillo de la Rosa resaltou o papel das políticas públicas en Igualdade, xa que "non traballar nelas non significa soamente o parón de mulleres que acceden a postos de poder, senón tamén que se dan consecuencias moi importantes para a sociedade: a inmensa perda de talento e de toma de decisións axeitadas para ela". Por esta razón, deu os parabéns á Deputación "por ter posto en marcha esta Escola de Igualdade e por convertela nun foro de formación e inspiración para toda unha xeración, xa que se forma á xente en algo moi vantaxoso para a sociedade".

A relatora asegurou que "non son nada pesimista respecto ao papel que xoga a muller no liderado, porque estamos a vivir un cambio no paradigma no que o vello orde social se está a esborrallar. Debemos estar alerta coas políticas de Igualdade pero non cinguir o debate a un aspecto económico: non se pode dicir que a falta de mulleres nos postos de poder ten que ver coa crise económica".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou ao final do relatorio que "cando as mulleres chegamos ao poder temos que chegar todas". Ademais, asegurou que "a Igualdade é a causa máis xusta que coñezo, e por iso me enfado coas inxustizas que vivimos as mulleres polo mero feito de ser mulleres".

Lembramos que "Muller e liderado" pretende crear un espazo de aprendizaxe e intercambio no que analizar o liderado feminino e dar resposta ás necesidades do mercado actual respecto ao autoliderado e ao liderado de equipos, a través de conferencias, exposicións e obradoiros cun fin divulgativo e formativo, ademais, contribuíndo ao empoderamento das mulleres e ao seu desenvolvemento persoal e profesional.

Vídeos