Noticias

Luz verde do Goberno de Carmela Silva ao proxecto de renovación da piscina de Cambados

As obras suporán a completa remodelación das instalacións da piscina climatizada cun orzamento total de case un millón de euros


29 setembro 2017
Reunión

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o proxecto básico de reforma do Complexo Polideportivo do Pombal de Cambados, consistente na substitución da envolvente e a actualización das instalacións da piscina climatizada da vila, por un importe de 850.999,99 €, o que suporá a completa renovación deste espazo. O proxecto está incluído no convenio asinado entre a institución provincial e o Concello de Cambados o pasado mes de marzo de 2017, cun orzamento total que ascende ata os 902.000 €, aportando o concello os 51.000 € restantes.

Tal e como anunciou a presidenta na visita desta semana a Cambados, as obras incluirán a substitución da cuberta do complexo dada a deficiencia en transmitancia térmica que presenta e así como a actualización das instalacións de climatización do complexo deportivo. O edificio integrarase no espazo urbano lindeiro, mellorarase o confort térmico, unificaranse o vaso e a praia da piscina cos espazos lindeiros para así mellorar a resposta funcional deste espazo e modificarase o peche para que limite a demanda enerxética que se precisa para acadar o benestar térmico.

Con esta reforma tamén se mellorará a eficiencia das novas instalación para así cumprir coa normativa aplicable grazas á instalación de sistemas de eficiencia enerxética que reducirán o consumo enerxético mediante o control e a regulación da temperatura, a mellora do sistema de iluminación coa integración de equipos altamente eficaces e con sistemas de control e integración de luz natural e a mellora do sistema de xeración da auga quente sanitaria e o de  quecemento da auga da piscina.

Este proxecto substitúe ao presentado polo anterior Goberno que non sei puido poñer en marcha ao presentar numerosas insuficiencias. Por esta razón a Deputación de Pontevedra realizou un novo estudo sobre a situación das instalacións e puxo en marcha este novo proxecto que corrixe as deficiencias e irregularidades que tiña o anterior convenio, que incumpría a lexislación relativa á climatización e humidade, ademais de que a cuberta que se contemplaba neste documento asentábase nunha zona sen cimentación