Noticias

Luz verde do goberno de Carmela Silva á "reforma dos vestiarios do pavillón polideportivo do IES de Beade"

O proxecto inicial, herdado do anterior goberno, tiña graves problemas que obrigaron ao novo goberno provincial a realizar unha modificación que se aprobará a vindeira semana


28 xullo 2017
taquillas

O Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará a próxima semana o proxecto de modificado da reforma dos vestiarios do Pavillón Polideportivo do IES de Beade a través do cal se van realizar obras de reparación da pista e os baños. A modificación vai dar resposta aos graves problemas do proxecto inicial, herdado do goberno de Louzán.

Máis polo miúdo, o convenio entre a Deputación de Pontevedra e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para acometer as obras de reforma no pavillón de Beade asinouse o 3 de xullo de 2015, uns días antes do cambio de Goberno na institución provincial. A través deste convenio, cun importe de 154.000 €, a administración autonómica, a pesar de ostentar a competencia de execución das obras, tan so asumiu 4.000 euros que serviron para a redacción dun proxecto de obras que non cumpría cos mínimos requisitos técnicos.

Ante esta situación, e tal e como acontece con moitas das obras promovidas pola anterior Deputación, o novo goberno tivo que facer fronte a unha modificación do proxecto inicial, con graves problemáticas que impedían a execución da obra. En concreto, amais do mal estado da instalación deportiva, o proxecto non contemplaba que os servizos estaban inutilizados xa que carecían de conexión de saneamento á rede municipal. Por este motivo, o concello de Vigo tivo que asumir os trámites necesarios para dotar á parcela desta conexión dando lugar á necesidade de modificar o proxecto para solucionar o problema de saneamento dos vestiarios.

Xunto á esta problemática, non contemplada no proxecto inicial, tampouco se incluían  as graves deficiencias das instalacións deportivas. De feito, a directora de obra indicou que era necesario realizar actuacións previas para axustar as medicións do proxecto ás medicións reais así como actuacións de nivelado, de impermeabilización na pista, de adaptación das portas de acceso ao polideportivo, instalar fontanería e saneamento e pintar a marcaxe das liñas do polideportivo. Cuestións, todas elas, que tiveron que ser incluídas nun novo proxecto modificado que se aprobará a próxima semana.

Está previsto que trala aprobación se asine a acta de replanteo positiva para o inicio das obras que se rematarán nun prazo aproximado de tres meses.