Noticias

Luz verde da Deputación de Pontevedra ao acondicionamento das oficinas do cuartel da Garda Civil de Cambados

A empresa encargada de acometer as obras, que se iniciarán de inmediato, é Construcciones Castro Figueiro, S. L. U., por un valor de 173.419,39 euros


02 setembro 2019
Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra adxudicou o contrato de acondicionamento do bloque dianteiro do cuartel da Garda Civil de Cambados, en concreto, das oficinas do andar baixo, obras que realizará a empresa Construcciones Castro Figueiro S. L. U., por un valor de 173.419,39 euros. Os traballos iniciaranse de forma inmediata e terán un prazo de execución de 4 meses.

O obxectivo da actuación é rehabilitar e mellorar a accesibilidade e habitabilidade nas oficinas do cuartel, unha edificación que se atopa deteriorada polo paso do tempo e non está adaptada á normativa vixente en materia de seguridade contra incendios. Así, as obras comprenden a reforma do interior do espazo destinado a oficinas, realizando as adaptacións pertinentes para axustarse aos requirimentos da actividade que se desenvolve nelas e á normativa vixente. Ademais, modificarase a cota da zona de recepción para centralizar os accesos ás dúas áreas de traballo de oficina. Para levar a cabo esta actuación demoleranse as dúas escaleiras laterais e dispoñerase un núcleo central de comunicación composto por unha escaleira e un elevador. No patio posterior proxectarase unha escaleira para conectar a cota superior co espazo de recepción do edificio.

Por outra banda, manterase a zona de control e instalaranse aseos para ambos os sexos e cuartos de instalacións e limpeza. Tamén se contemplan catro despachos e un espazo diáfano de traballo para a Policía xudicial, así como unha zona de intervención de armas e un espazo de control de persoas detidas. Por último, prevese crear, na zona oeste, unha sala de espera contigua á zona de recepción de denuncias, tres despachos e un espazo de traballo para dous postos administrativos. A Deputación de Pontevedra tamén aposta pola eficiencia enerxética nesta actuación coa mellora do illamento térmico, a substitución das carpinterías por unhas novas de aluminio e a instalación de luminarias de baixo consumo.

Audios

  • Audio