Noticias

Luz verde da Deputación á contratación da asistencia educativa para Depoaventura A Lanzada 2022

Volven os campamentos despois de dous anos de parón pola pandemia e darán cabida a 1.540 nenas e nenos que desfrutarán de actividades socioculturais, recreativas, medioambientais, científicas e de convivencia


29 decembro 2021
Depoaventura A Lanzada

O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde ao proceso para contratar a asistencia técnico-educativa e a xestión do programa DepoAventura A Lanzada que se retomará neste próximo ano 2022. O programa, aberto a 1.540 nenas e nenos da provincia nados entre 2009 e 2014, estenderase entre o 26 de xuño e 10 de setembro en 11 quendas de 7 días de duración, nas que se programará un completo programa de actividades socioculturais, recreativas, medioambientais, científicas e de convivencia. A Deputación destinará preto de 260.000 euros á contratación da empresa encargada do proxecto, que incluirá ademais actividades en inglés, unha excursión á illa de Ons e outra visita cultural nas Rías Baixas.

"Depo Aventura A Lanzada" retorna convertido nun campamento "diferente", adaptado a unha nova realidade na que se deberá primar o mantemento das distancias, as extremas medidas de hixiene e as recomendacións que vaian indicando en cada momento as autoridades sanitarias. Sen deixar de lado estas premisas, en cada unha das 11 quendas, as 140 nenas e nenos que participarán en cada unha delas poderán desfrutar dunha completa programación cos obxectivos do fomento de hábitos de vida saudable,  actitudes solidarias e de convivencia, a educación en valores e a igualdade, o fomento do interese pola ciencia e o respecto ao medio ambiente.

Tamén haberá actividades alternativas para os días de mal tempo ou choiva, unha excursión á illa de Ons e outra de carácter cultural, deportiva ou relacionada coa natureza ou o medio ambiente. Igualmente, celebrarase un obradoiro para seleccionar unha mascota por cada unha das quendas. Xunto a estas iniciativas, realizaranse actividades en lingua inglesa (como mínimo dúas horas por quenda neste idioma) e para o caso de menores con necesidades especiais disporase do persoal de apoio necesario adaptado ás súas características.  Amais, todas serán prestadas por un equipo técnico especializado en animación sociocultural e tempo libre, que, como mínimo, deberá estar integrado por unha persoa na dirección, 18 monitoras/es, 1 graduada/o en Enfermería e 1 socorrista.

DepoAventura a Lanzada ten lugar no espazo que a Deputación ten a carón da Praia da Lanzada no Grove, que ten sido mellorado nos últimos tempos coa ampliación das zonas de comedor, o acondicionamento da zona de árbores e a dotación de máis tendas de campaña para cumprir as distancias  xa que a nova normativa prevé, por exemplo, que nas tendas en lugar de 5 crianzas durman 3. En liñas xerais, ofertará 1.330 prazas polo procedemento xeral (110 € por praza ou 80 € no caso de familias numerosas ou monoparentais) e 210 para menores en risco de exclusión social, das cales 25 quedan reservadas para os nenos e nenas de Príncipe Felipe. As prazas serán adxudicadas por sorteo e haberá lista de agarda. Ademais no sorteo darase preferencia a aqueles menores que cumprindo os requisitos non puideron participar no Campamento do 2019 a pesar de estaren seleccionados ou seleccionadas.