Noticias

Luz verde da Deputación á construción da senda peonil en Ponte Caldelas na EP 0206

O goberno provincial adxudica por preto de 180.000 euros unha actuación que mellorará a seguridade viaria entre o núcleo de Ponte Caldelas e o lugar de Parada


04 xullo 2020
Senda peonil en Ponte Caldelas

A Deputación de Pontevedra vén de adxudicar por 178.814,10 euros a construción dunha senda peonil nun tramo de 2 quilómetros na EP 0206, desde o núcleo urbano de Ponte Caldelas ata as numerosas vivendas existentes no lugar de Parada. En liñas xerais esta actuación vai dotar de mobilidade peonil segura a un traxecto moi transitado pola veciñanza que se achega a pé diariamente dende as súas casas en Parada ata o centro de Ponte Caldelas. 

Con esta mellora, a Deputación busca potenciar e dinamizar esta contorna, creando unha área reservada peonil na marxe dereita da estrada que unirá as beirarrúas existentes, creando así un tránsito peonil seguro. A través desta actuación delimitarase a circulación do tráfico rodado e peonil, empregando un espazo de dous metros e medio de cuneta vexetal; e crearanse zonas de tránsito seguras para os colectivos máis vulnerables, peóns/as, ciclistas, e persoas con mobilidade reducida.  Tamén se instalarán pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade de vehículos, que aseguren o cumprimento da velocidade máxima permitida de 30 quilómetros hora.

Amais, o proxecto contempla a instalación dunha rede de evacuación de augas pluviais e a mellora da iluminación no tramo interurbano, incrementándose o número de puntos de luz fundamentalmente no primeiro quilómetro. Por último, procederase a reposición e mellora do firme así como ao repintado da sinalización horizontal.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de data 17 de xuño de 2017), polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.