Noticias

Liñares acolle un curso pioneiro en Galicia sobre raios X aplicados á arqueoloxía da man da Deputación e do CSIC

A presidenta provincial, Carmela Silva, e o director do Incipit asistiron á clausura. "Esta provincia énchenos de orgullo: nunca fomos periferia, nunca seremos periferia, e si a demostración diaria do enorme talento que temos"


22 maio 2021
Curso en pazo Liñares

As maiores expertas e expertos en raios X aplicados á Arqueoloxía e Ciencias do Patrimonio de Galicia, España e Europa déronse cita en Liñares no curso Aplicacións da Fluorescencia de Raios X en Arqueoloxía e Ciencias do Patrimonio, o primeiro destas características en Galicia, impulsado pola Deputación e o CSIC, a través do Incipit, no marco do convenio para a posta en valor do Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico do pazo lalinense. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto ao director do Incipit, Felipe Criado, a tenente de alcalde de Lalín, Paz Pérez e o director da xornada, o investigador Xosé Lois Armada, asistiron ao peche do curso no que disertaron nove mulleres e seis homes de prestixiosas universidades e centros de investigación internacionais.

Na súa intervención ante o alumnado e docentes do curso, Carmela Silva mostrou o seu orgullo por "unha provincia que ten unha historia espectacular, sorprendente. Fai dous mil anos eramos o centro de dos mundos, o Atlántico e o Mediterráneo, cunha enorme actividade de relación que deixou unha enorme pegada en todo o territorio, particularmente aquí no Deza". Carmela Silva puxo en valor o plan director do que se está a facer co Incipit, enmarcado no conveno co CSIC. "Herdamos unha historia moi potente, o coñecemento foi o que fixo que a Deputación en colaboración co Concello e co CSIC apostara por traballar no que fomos e o que somos. Para nós é unha obriga. Facemos o que temos que facer que é investir no talento da nosa xente". Carmela Silva quixo enarborar a bandeira das novas xeracións. "Son moi optimista ante a xeración que se está a formar para manter, defender e reivindicar todo este legado que nos deixaron, o que está nos castros e en todo este potencial arqueolóxico. Temos moi claro que se queremos ser unha administración que transforme temos que traballar para preservar este legado", dixo. A presidenta, que fixo referencia á maioría de mulleres do curso, ou a presenza de Emilia Pardo Bazán, "que tanto percorreu e escribiu neste pazo de Liñares", realizou unha potente reivindicación da xente máis nova que está a destacar "polo seu enorme potencial". "Non nos podemos permitir que o noso talento marche, ten que quedar aquí. Temos que facilitar estruturas para que a xente máis formada poidades traballar. O voso coñecemento, sinalou, ten que quedar aquí e as administracións termos que estar comprometidas para elo. Tedes que ser o noso presente e futuro e tedes que ser a voz  que reclame investimento en coñecemento, investigación e formación". A presidenta da Deputación, que avanzou a renovación e ampliación do convenio, foi tallante respecto á situación "dunha provincia que nos enche de orgullo: nunca fomos periferia, nunca seremos periferia, e si a demostración diaria do enorme talento que temos nesta terra".

Pola súa banda, o director do Incipit, Felipe Criado, agradeceu á Deputación "o pulo engadido para poñer en valor o noso patrimonio". "É certo, afirmou, que é importante protexelo e valorizalo polo turismo, tamén porque damos oportunidades ao rural e porque podemos aportar unha visión desde o pasado. Pero eu destaco que, nun momento como este, estas investigacións nos din que outros mundos son posibles. Que a humanidade poido facer as cousas de forma diferente e que nós podemos aprender diso". Agradecemento tamén na intervención da concelleira Paz Pérez quen puxo en valor "o compromiso da Deputación e particularmente da presidenta para poñer en valor o pazo".

O curso, que arrancou onte de xeito virtual con centos de persoas conectadas desde diferentes países como Brasil, Arxentina, Italia ou Portugal, tivo este sábado a súa sesión presencial e concentrou conferenciantes especialistas procedentes da Universidade de Cambridge do Reino Unido, da Universitá degli Studi di Firenze de Italia, das Universidades de Santiago e do País Vasco, así como de centros como The National Archives do Reino Unido ou o propio CSIC. As e os especialistas revisaron os fundamentos da técnica e aplicación da Fluorescencia de Raios (FRX) a diferentes tipos de materiais e mostras. Nos últimos anos, a aplicación da FRX na Arqueoloxía e Ciencias do Patrimonio está a acadar un importante desenvolvemento, coa proliferación de instrumentos portátiles que permiten a obtención de datos in situ con rapidez, polo que adquirir formación previa que garanta a calidade dos mesmos é fundamental para as e os profesionais destas áreas.

O convenio entre a Deputación e o CSIC tamén abrangue a investigación dos contornos e interior dos castros de Bendoiro (Lalín), Castrolandín (Cuntis) e Montaz (Silleda). No marco desta colaboración desenvolvéronse xa conferencias dirixidas á comunidade escolar sobre os castros e os seus habitantes, as paisaxes do pasado ou arqueoloxía sen escavar a terra. Están tamén previstas xornadas de portas abertas no Centro de Xestión Arqueolóxica do Pazo de Liñares onde, ademais de coñecer o laboratorio e os procesos de traballo que alí se desenvolven, as persoas visitantes poderán ver os materiais investigados.