Noticias

Ledicia Costas e as súas mulleres planta protagonizarán o roteiro literario da Deputación en Vigo

Partirá da entrada do monte do Castro e rematará no monumento a Jules Verne seguindo a estela dos percorridos do autor francés nas súas visitas á cidade olívica


13 setembro 2018
Roteiro literario de Vigo

A obra Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta será o fío condutor do roteiro que o vindeiro sábado terá lugar en Vigo, no marco do programa do Ano da Lingua da Deputación. A guía de excepción será a autora do libro, Ledicia Costas, unha das escritoras máis exitosas do panorama literario galego actual e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2005. Esta mañá presentouse a iniciativa nun dos puntos do percorrido, diante do monumento aos galeóns de Rande no monte do Castro, coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, do alcalde da localidade, Abel Caballero, do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, da concelleira Nuria Rodríguez, da representante da AELG, Marta Dacosta, da propia autora Ledicia Costas. "Estamos moi orgullosas e moi orgullosos de que unha muller escritora como Ledicia Costas, que pon a nosa literatura a tan alto nivel, sexa a que inicie a xeira de mulleres guías destes roteiros" indicou Xosé Leal. O deputado provincial de Cultura e Lingua referíase a que os seguintes roteiros programados serán todos guiados por figuras femininas, como son Susana Sánchez Arins, Marga do Val e Lucía Novas.

Sobre a figura de Ledicia Costas tamén se estendeu a presidenta da institución provincial asegurando que a autora "fala de Vigo desde o amor profundo", conectando a cidade coa súa dimensión literaria. Durante a súa intervención Carmela Silva leu un parágrafo de Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta no que figura Vigo como "corazón neurálxico do mundo e isto mesmo é o que vai acontecer o sábado neste roteiro" asegurou. A presidenta manifestou a súa admiración por unha obra que "fala da maxia, da amizade, e do desexo de construír outro mundo diferente grazas á capacidade de crear das persoas" e asegurou que o roteiro "sen dúbida vai ser unha experiencia inesquecible". "Estes roteiros poñen en valor a cultura, a nosa lingua, e as mulleres que escriben" insistiu Carmela Silva.

A propia Ledicia Costas asegurou que o roteiro permitirá "ter a oportunidade de poder ir da man da literatura por esta cidade", ao tempo que engadiu que "para as persoas que escribimos coller a nosa cidade e metela nas nosas novelas é moi emocionante. En palabras da autora as persoas participantes no itinerario poderán "coñecer o Vigo real e tamén o literario". Explicou que o percorrido comezará no monte do Castro "con estas vistas marabillosas que seica o propio Jules Verne divisou nunha das súas visitas", e continuará por outros lugares que o autor francés tamén visitou como o campo de Granada, a rúa Sombreireiros e a praza da Constitución , e baixará cara as Avenidas para rematar no monumento a Jules Verne diante do Real Club Náutico. Pola súa banda, Abel Caballero afirmou que "hoxe celebramos este roteiro como un xeito diferente de celebrar esta cidade", en referencia á actuación acometida na fortaleza do monte do Castro para respectar a súa esencia patrimonial. Ademais do percorrido físico e do protagonismo de Vigo nesta iniciativa, o alcalde quixo salientar a importancia da literatura como soporte "da creatividade e da capacidade de crear novos mundos", e tamén como "unha forma de vida paralela que se mestura coa propia vida".

O roteiro que se presentou esta mañá xa esgotara as 50 prazas para participar tan só uns días despois de facerse público e abrir o prazo de inscrición, o que segundo Marta Dacosta é indicativo "do gran interese que estas actividades teñen para o público". A escritora e representante da AELG lembrou que estes paseos literarios "permiten integrar a nosa lingua no noso contexto e achegar obras de escritores e escritoras doutra forma máis directa coñecendo os lugares nos que se inspiraron". Marta Dacosta salientou que Ledicia Costas "ten demostrado que a nosa lingua pode traspasar fronteiras", unha afirmación que sustentou no número de exemplares vendidos das súas obras, que no caso de Escarlatina, a cociñeira defunta superou os 20.000 só en Galiza, e na gran cantidade de traducións dos seus libros a outras linguas.

O roteiro de Vigo  é o cuarto dos sete que este ano organiza a Deputación – xa tiveron lugar os de Moaña, Vilagarcía de Arousa e Cuntis–. O quinto terá lugar o 22 de setembro, e percorrerá diversos puntos de Ribadumia, Meis e Barro, baixo a dirección de Susana S. Aríns e a súa obra Seique, quando os passeios eram morte que descorrerá por. O sábado 29, Marga do Val será a encargada de guiar o roteiro ‘Tui na literatura galega'; e por último, o sábado 6 de outubro, Lucía Novas encabezará o roteiro dedicado a Johan Carballeira pola vila de Bueu.  No marco do Ano da Lingua, este roteiro é unha das accións do departamento provincial de Cultura e Lingua en Vigo, ao que hai que sumarlle a mostra fotográfica de Anxo Cabada O imaxinario do país que xunta fotografía e literatura e que puido verse no mes de agosto na Casa das Artes, e a exposición sobre as variedades dialectais do país a través do universo Bolechas que chegará á cidade olívica en decembro.