Noticias

Lección de igualdade do alumnado do CPI do Toural de Vilaboa co seu mural de DepoRúarte "para construír un mundo mellor"

Carmela Silva acompañou ao alumnado e profesorado na presentación do graffiti Iguais no que traballaron medio centenar de alumnas e alumnos de 6.º de Primaria e 1.º da ESO


06 maio 2019
DepoRuarte

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto a Digna Rivas, deputada de Cohesión Social, acudiu hoxe ao CPI do Toural, de Vilaboa, para presentar, xunto ao profesorado e a dirección do centro, o mural-graffiti elaborado polo alumnado de 6.º de Primaria e 1.º da ESO baixo o título Iguais. A actividade serviu para pechar o traballo realizado no centro educativo ao abeiro de "DepoRúarte", o programa educativo da institución provincial que chega a súa cuarta edición e que este ano ten por obxectivo implicar á mocidade nos ODS, para que sumen propostas encamiñadas á adopción de medidas para poñer fin á pobreza, protexer o planeta, loitar contra a desigualdade e asegurar a prosperidade.

Carmela Silva quixo dirixirse ao alumnado presente para sinalarlles que "estades nun centro educativo modélico, que ten un forte compromiso coa educación integral, é un centro que educa en valores". De feito, o CPI do Toural forma parte da Rede de Escolas Asociadas da Unesco e acaba de ser galardoado co X Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento "Vicente Ferrer", recoñecemento ao traballo do centro para alcanzar unha escola sensible e centrada na educación en valores e a cultura de paz.

A actividade de "DepoRúarte" no CPI do Toural de Vilaboa estivo composta por unha sesión formativa impartida por Adriana Castro, pedagoga especializada en escolar e social e tamén en xestión cultural, e unha xornada de elaboración colaborativa do mural-graffiti. Durante todo o proceso o alumnado mostrouse moi participativo e comprometido, tal e como volveron a demostrar durante a presentación desta mañá, na que representantes do alumnado explicaron que "o mural, titulado Iguais, fíxose co propósito de reivindicar a igualdade en todos os eidos, recalcando a importancia de coidar o medio ambiente porque o mundo é de todos e todas".

Tras un debate entre o alumnado participante decidiron enfocar o seu traballo cara ao tema da igualdade porque consideran "fundamental a igualdade de xénero, de raza e entre culturas". Tal e como destacou unha das alumnas do centro, "non pensamos o mural desde un punto de vista estético, intentando que quedase fermoso e colorido, o pensamos máis ben co obxectivo de concienciar a calquera persoa que nos visite da importancia da igualdade para mellorar o mundo". Tras a explicación das alumnas e alumnos participantes en "DepoRúarte" a presidenta da Deputación mostrouse orgullosa polo traballo realizado no CPI do Toural e resaltou que "con programas coma este, con este tipo de educación, poderemos traballar por unha sociedade igualitaria" e engadiu que "desde a Deputación de Pontevedra traballamos no cumprimento dos 17 ODS para poder construír un mundo mellor e para poder seguir vivindo neste planeta que en moitas ocasións estamos a destruír".

Pola súa banda, tanto Cristina González, directora do CPI, como Beatriz Martínez, docente e responsable do proxecto, destacaron que o programa da Deputación serviu para continuar a liña de traballo do centro e profundar nalgúns aspectos importantes. Nesta liña, Cristina González sinalou que "tanto a acción formativa, coñecendo os obxectivos de desenvolvemento sostible, como a elaboración do graffiti xunto a Alexis Parada (O Ras) serviu para que todos e todas as rapazas gozasen da actividade aprendendo e ampliando coñecementos".

O CPI do Toural de Vilaboa foi o primeiro centro en rematar a actividade. Pola súa banda, o IES Indalecio Pérez Tizón de Tui presentará este martes o seu mural e os seguintes centros educativos en participar serán o IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez da Estrada, o IES Chapela en Redondela e o IES Monte da Vila no Grove.

Fotos