Noticias

"Lebres coma gacelas" une poesía e fotografía en homenaxe a Xela Arias na sede da Deputación en Vigo

A mostra, na que sete autoras referentes galegas participan con 21 poemas inspirados noutras tantas fotografías de Eva Díez e Fran Herbello, enmárcase nas actividades das Letras Galegas e poderá visitarse ata o 28 de novembro


04 outubro 2021
Mostra Lebre como Gacelas en Vigo

Palabra e imaxe, poesía e fotografía, dialogan en homenaxe a Xela Arias na nova exposición que a Deputación de Pontevedra organiza na súa sede de Vigo no marco da celebración das Letras Galegas. "Lebres coma gacelas", que reúne 21 poemas asociados a 21 imaxes fotográficas, toma como referencia o libro de Xela Tigres coma cabalos, onde a autora homenaxeada confrontaba cada un dos seus poemas con imaxes do fotógrafo Xulio Gil. Deste xeito, nesta nova proposta da Deputación son sete mulleres da escrita galega, Tamara Andrés, Alba Cid, Lorena Conde, Lara Dopazo, Miriam Ferradáns, Olga Novo e Antía Otero, as que amosan as súas obras poéticas creadas expresamente para a mostra e inspiradas nas imaxes dos tamén artistas referentes Eva Díez e Fran Herbello.

Dous das autoras, Tamara Andrés e Miriam Ferradáns, participaron este luns no acto de inauguración na sala Rosalía de Castro da sede provincial en Vigo para falar do seu proceso de creación neste proxecto. Protagonizaron así mesmo un recital con varios poemas da súa autoría, algúns presentes na exposición, nun evento que estivo amenizado coa actuación da violinista viguesa Emma Ramonet e que contou tamén coa intervención da fotógrafa Eva Díez. Tanto estas poetas como as restantes participantes crearon as súas pezas para a mostra (tres cada unha) inspiradas polas imaxes de Eva Díez e Fran Herbello, que retratan o corpo e o contorno cunha ollada fixa na realidade máis inmediata. Temas como a arquitectura, especialmente relacionada coa paisaxe, están moi presentes nas distintas obras presentadas na mostra, así como a pegada do corpo humano na vivenda e nas citadas paisaxes.  

A mostra, comisariada e coordinada polo Servizo de Cultura da institución provincial e que poderá visitarse ata o 28 de novembro, é un proxecto multidisciplinar que toma como inspiración o título da obra de Xela Arias, pero coa escolla de dous nomes de animais en feminino cunha clara declaración de intencións, reforzada ademais pola asociación simbólica que estes teñen coa intelixencia, coa axilidade e coa liberdade.