Noticias

Lalín recibe unha nova axuda de case 55.000 euros a través do "Plan Concellos" para melloras en locais sociais

A institución provincial leva entregado o 61 % do total destinado a Lalín dentro do plan, un investimento superior aos 930.000 euros


25 setembro 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través dunha Resolución presidencial, unha nova achega de 54.864,96 euros para Lalín ao abeiro da liña 1 do "Plan Concellos 2017" destinada a investimentos que permitirá a realización de diferentes actuacións de mellora nos locais sociais das parroquias de Noceda e da Xesta.

En concreto, as obras no local social de Noceda consistirán no levantado da cuberta do tellado e execución dunha nova estrutura de cerchas metálicas, coas mesmas dimensións e pendente que a existente, a colocación dun tellado novo e a instalación dun canlón de cobre na zona frontal de acceso. Así mesmo, repoñeranse o falso teito e as luminarias, arranxarase a cheminea e pintarase o exterior de cor beixe.

Pola súa banda, no local social da Xesta procederase á demolición da cheminea, no tramo que sobresae sobre a cuberta, cuxo oco será tapado mediante o emprego de tella plana, das mesmas características que a existente, e coa mesma pendente. Tamén se procederá ao picado do revestimento en mal estado, que presenta descunchados, e ao acabado con pintura plástica para exteriores antifunxicida, na mesma cor que a existente na actualidade.

Con anterioridade, Lalín xa recibira outros 427.445,33 €, tamén na liña 1 de Investimentos, para a ampliación e o sistema de calefacción do edificio do centro social de Prado, para o acondicionamento do paseo fluvial do río Pontiñas, para a pavimentación dunha pista en Froxán e o acceso a Fondevila, a adquisición de material para uso informático e para a implantación da administración electrónica, dun equipamento de materiais didácticos que o concello destinará aos seus programas de formación e de emprego e de equipamento para un obradoiro de carpintaría, para o acondicionamento de sala para instalar un ximnasio no edificio multiusos do Lalín Arena, a reposición de beirarrúas no casco urbano, o acondicionamento da rúa Areal e a reforma de palcos en Moneixas e Vilanova. Ademais, 227.532,35 € en liña 2 para o financiamento de diversas actividades mailo pagamento de gastos correntes e, por último, a cantidade de 337.466,28 euros que permitirán que 37 persoas desenvolvan as súas profesións nos servizos municipais da localidade, a través da liña 3 de Emprego do plan.

Grazas a esta nova achega, o Concello de Lalín xa leva aprobado o 69,04 % do total de investimento que recibe este ano dentro do "Plan Concellos", isto é, 1.047.308,92 € dun total de máis de 1.500.000 euros.


Novas relacionadas

Xunta de Goberno

08 xul , plan concellos 2016, a lama, agolada, lalin, plan ayuntamientos 2016