Noticias

Lalín recibe novas axudas do "Plan Concellos" por valor de máis de 20.000 euros para investimentos

A institución provincial leva entregado o 61% do total destinado a Lalín dentro do Plan, un investimento superior aos 930.000 euros


02 agosto 2017
Plan concellos

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, dúas novas achegas para o concello de Lalín ao abeiro da liña 1 do "Plan Concellos 2017" de investimentos. Deste xeito, a institución provincial achegará 16.014,74 € para a adquisición e instalación de mobiliario para a nova biblioteca municipal e, pola outra banda, outros 4.000 € para a elaboración e instalación de paneis de promoción dos seus recursos turísticos. En total, a vila da comarca de Deza recibe un investimento total situado en 20.014,74 euros.

Con anterioridade, Lalín xa recibira outros 427.445,33 €, tamén na liña 1 de investimentos, para a ampliación e o sistema de calefacción do edificio do centro social de Prado, para o acondicionamento do paseo fluvial do río Pontiñas, para a pavimentación dunha pista en Froxán e o acceso a Fondevila, a adquisición de material para uso informático e para a implantación da administración electrónica, dun equipamento de materiais didácticos que o concello destinará aos seus programas de formación e de emprego e de equipamento para un obradoiro de carpintaría, para o acondicionamento de sala para instalar un ximnasio no edificio multiusos do Lalín Arena, a reposición de beirarrúas no casco urbano, o acondicionamento da rúa Areal e a reforma de palcos en Moneixas e Vilanova. Ademais, 227.532,35 € en liña 2 para o financiamento de diversas actividades mailo pagamento de gastos correntes e, por último, a cantidade de 337.466,28 euros que permitirán que 37 persoas desenvolvan as súas profesións nos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de emprego do Plan.

Grazas a esta nova achega, o concello de Lalín xa leva aprobado o 61,5% do total de investimento que recibe este ano dentro do "Plan Concellos", isto é, 932.435,49 € dun total de máis de 1.500.000 euros.