Noticias

Lalín destina 60.000 € do Plan Concellos á construción dunha depuradora en Zobra

A Deputación de Pontevedra entregou xa o 93% do total destinado a Lalín dentro do Plan Concellos 2016, o que supón un investimento na vila de 1.577.850,62 €


20 ago 2016

A Deputación de Pontevedra, a través dunha resolución presidencial, vén de aprobar unha nova axuda ao concello de Lalín ao abeiro da liña 1, investimentos, do Plan Concellos 2016. Nesta ocasión, a vila recibirá 59.908,07 € destinados á construción dunha depuradora en Zobra.

Estas non son as primeiras actuacións que o Plan Concellos 2016 destina ao concello de Lalín. A estas cantidades habería que sumarlles as anteriormente concedidas, concretamente 894.871,29 € na liña 1 para o equipamento da nova biblioteca municipal, a rehabilitación, saneamento e reforzo do firme da Ronda Norte-Este da localidade, a instalación de xogos infantís na zona exterior da praza superior do parking Aldea Grande, a conservación dos camiños municipais de Vilanova, Maceira, Goiás, Vilatuxe e Zobra, a substitución de luminarias na rúa B, o financiamento da adquisición dunha caseta que sirva como oficina de información turística na Praza da Vila, a adquisición dunha máquina varredora e de dous paneis informativos, o reforzo do pavimento de pistas en Soutolongo, Sello e Moneixas e a adquisición de elementos de calmado de tráfico e seguridade viaria para a zona urbana do concello.

Ademais, 207.511,13 € en liña 2, 63.390,13 € para a guía de roteiros, o campamento de verán, os gastos de funcionamento do Conservatorio Profesional de Música, a Feira do Cocido e o ciclo de Música na Rúa (todas elas dentro da liña 3) e, finalmente, a contratación de 34 traballadoras e traballadores, para a que se achegou (na liña 4) a cantidade de 352.170 €.

No que levamos de ano, a institución provincial xa asignou o 93,3% dos presupostos destinados a Lalín ao abeiro do Plan Concellos 2016, acadando un total de 1.577.850,62 € investidos.