Noticias

Lalín acolle en marzo cinco novas accións formativas do programa "SmartPeme"

Están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades


02 marzo 2020

A Deputación de Pontevedra programou para o mes de marzo cinco novas accións formativas do programa "SmartPeme" en Lalín. Estas sesións están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes, co obxectivo de aumentar a súa competitividade.

Os cursos que se imparten ata o 25 de marzo son os seguintes: comezarán mañá, martes día 3, de 19 a 21 horas con Plugins de Wordpress para Mellorar a túa Web. O xoves 12 de marzo terá lugar Experiencias SmartPeme: Mulleres Emprendedoras, de 18 a 21 horas. Inbound Marketing está programado para o martes 17 de marzo, de 19 a 21 horas, Optimización de Imaxes: Mellora a Velocidade da túa Web, o martes 24 de marzo, de 17 a 19 horas, e Crea unha Páxina Profesional con Wordpress, terá lugar no Viveiro de Empresas da Estrada, o mércores 25 de marzo, de 18 a 21 horas.

Estes obradoiros impartiranse no Viveiro de Empresas de Lalín (Polígono de Lalín 2000, parcela E), a excepción de Crea unha Páxina Profesional con Wordpress, que terá lugar no Viveiro da Estrada. As inscricións nas accións formativas pódense facer a través da aplicación, no número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es, ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal.

"SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.