Noticias

A Deputación impulsa as axudas para o sector agropecuario e pesqueiro da provincia de Pontevedra

Carmela Silva destaca a importancia de ambos os sectores na consolidación de emprego e creación de riqueza nas zonas de interior e costa


22 abr 2016
Impulso ás axudas para o sector agropecuario e pesqueiro

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou hoxe o impulso ás axudas para o sector agropecuario e pesqueiro da provincia coa posta en marcha de dúas liñas de axudas, para as asociacións e confrarías de pescadores e para as cooperativas agrarias.

Estas dúas liñas de axudas, dotadas cada unha de elas con douscentos mil euros, foron negociadas cos propios destinatarios, que mostraron o seu interese porque a Deputación fixase entre os seus obxectivos os sectores pesqueiros e agrogandeiros da provincia.

Carmela Silva recordou que ambas as liñas de axudas incluíronse na modificación de crédito aprobada polo Pleno da Corporación do mes de febreiro e que, desde ese momento, se comezou a traballar coas entidades asociativas de ambos os sectores para que fosen consensuadas con eles. Deste xeito, o sector disporá dunhas bases claras e transparentes para acceder a estas axudas.

Estas axudas poderán ser destinadas á comercialización e valorización das producións agrarias e pesqueiras; á formación técnica e ao asesoramento para o desenvolvemento de actividades coma a investigación e innovación tecnolóxica; á posta en marcha das novas tecnoloxías, as enerxías renovables e o aforro enerxético; ás actuacións para mellorar a calidade dos produtos; aos investimentos para mellorar os servizos prestados polas cooperativas, asociacións e confrarías, entre outros; aos investimentos para construcións, equipamentos, instalacións, reparacións en edificios; e á adquisición de equipos e sistemas informáticos, mobiliario e calquera outro investimento que sirva para mellorar os servizos prestados polos beneficiarios aos seus socios.

A presidenta da Deputación recordou a importancia do sector agrogandeiro na nosa provincia, que representa un valor económico de máis de 500 millóns de euros e dá emprego a más de nove mil persoas.

No caso do sector pesqueiro-marisqueiro a provincia de Pontevedra ten o 45 % da frota galega, con máis de dous mil barcos, e representa o 34,4 % do valor da venda de pesca fresca de toda Galicia. O sector ten un valor económico na provincia, en primeira venda, de máis de 157 millóns de euros e dá emprego a máis de 13.000 persoas.

Por último, Carmela Silva subliñou que a liña de axudas ás cooperativas agropecuarias xa se acordou con elas e as bases poderán ser aprobadas en quince días. No caso das confrarías e asociacións pesqueiras está en proceso de consulta interno polo propio sector.