Noticias

Johan Carballeira, protagonista do último roteiro literario da Deputación en Bueu

A autora Lucía Novas será a encargada de realizar o último paseo literario organizado pola Deputación para este ano


05 outubro 2018
Roteiros Literarios

A vida e obra de Johan Carballeira, desde os seus inicios ata a súa tráxica morte, serán os protagonistas do último roteiro literario que organiza a Deputación de Pontevedra dentro do Ano da Lingua. O roteiro que forma parte dun conxunto de sete paseos literarios pola provincia organizados polo Departamento de Cultura e Lingua da Deputación en colaboración coa Asociación de escritoras e escritores en lingua galega, será guiado pola autora Lucía Novas, e permitirá durante dúas horas achegar ás persoas participantes non só a figura de Carballeira, senón tamén a do Bueu do seu tempo, onde coincidían persoas como Torrente Ballester, Rómulo Gallegos, Maruxa Mallo, ou o ilustrador e publicista Federico Ribas, así como Gaspar Massó, creador do museo e amigo do ex alcalde de Bueu.

O deputado de Cultura Xosé Leal destacou a importancia de dedicar este roteiro a Johan Carballeira pola necesidade de recuperar a memoria histórica. Lembrou que Carballeira foi o último alcalde republicano da vila de Bueu e, sendo militante do Partido Galeguista, foi acusado de rebelión militar contra os nacionais e fusilado no 1937. "Era un defensor da xustiza social, un loitador antifascista, que no pouco tempo que foi alcalde de Bueu traballou non só polos problemas do municipio, senón tamén polos traballadores do mar", lembrou.

No roteiro, cuxas prazas están esgotadas xa desde hai días, Lucía Novas contará aspectos moito e pouco coñecidos da traxectoria de Carballeira. A saída será ás 11.30 horas desde a praia de Pescadoira, onde a autora falará da súa figura entre o xornalismo e a política ademais de ler un poema. Despois continuarase ata á casa onde viviu Torrente Ballester para falar da relación de amizade entre ambos autores, así como doutras figuras do mundo da cultura de Bueu daquela época.

A seguinte parada será o Museo Massó, onde Novas explicará a relación con Gaspar Massó, unha figura moi importante na vida de Johan Carballeira, xa que o intentou salvar da morte. Continuarase pola casa onde viviu Federico Ribas en Montero Ríos, e alí falarase dos amigos que o nacionalista tiña no Bueu dos anos 30, como o escritor e crítico exiliado Rómulo Gallego, o publicista Ribas, Maruxa Mallo e outras interesantes figuras que pasaban tempadas na praia de Beluso. Despois, o roteiro dirixirase á antiga taberna de Escáneo, onde se explicará como Johan Carballeira se afilia ao Partido Galeguista en Bueu, alcanzando a vila o maior número de afiliados da Galiza despois de Rianxo.

Coa chegada á Casa do Concello, Novas explicará o traballo feito por Carballeira durante os meses que exerceu como alcalde e dará a coñecer algunhas das súas decisións e retos, entre os que destaca o traballo feito para conseguir un prezo mínimo para a sardiña. A seguir, na antiga taberna dos Dopico falarase da represión tralo golpe militar ata que o prenderon, e coñecerase como foron as horas que el pasou na tasca tras dimitir como alcalde. Finalmente, no monumento a Johan Carballeira, falarase da súa morte e de como despois a súa figura foi recuperada.

O roteiro de Bueu é o último dos sete que este ano organiza o Departamento de Cultura e Lingua da Deputación e que pasaron xa por Moaña, Vilagarcía de Arousa, Cuntis, Vigo, Ribadumia, Meis, Barro e Tui.