Noticias

Joan Marc Simón: "a Deputación de Pontevedra camiña na boa dirección para que os concellos cumpran os obxectivos da UE en materia de residuos e eviten as sancións"

O director da rede europea de Residuo Cero eloxia a posta en marcha da "Facultade da compostaxe" e asegura que a iniciativa pode ser copiada en Galicia e o resto do Estado


12 feb 2016
Joan Marc Simón
Joan Marc Simón:

O director da rede europea Residuo Cero (Zero Waste Europe), Joan Marc Simón, asegurou hoxe que a Deputación de Pontevedra "camiña na boa dirección co seu plan de compostaxe para que os concellos cumpran os obxectivos da Unión Europea en materia de residuos e eviten as posibles sancións económicas" que se imporán a partir do ano 2020. Simón participou hoxe como relator na "Facultade da compostaxe" para explicarlles aspectos da lexislación comunitaria sobre o tratamento do lixo aos aspirantes a mestras e mestres composteiros.

O experto sinalou que nestes momentos os estados europeos deberían estar a recoller selectivamente o papel, metal, plástico e cristal de forma axeitada, co obxectivo de chegar ao 50 % en 2020. Neste sentido explicou que a xestión da materia orgánica a través da compostaxe é unha das vías máis axeitadas para cumprir os requirimentos da UE. "As administracións deben poñer en práctica a recollida selectiva, implementándoa do xeito que consideren mellor; pero a pedra angular desa recollida de residuos é a materia orgánica. Se se separa correctamente a materia orgánica conséguese que os produtos reciclables estean moito máis limpos, o que leva a chegar os obxectivos de reciclaxe moito máis fácil", subliñou.

Simón lembrou que a fracción orgánica (formada polos residuos de cociña e vexetais) é a máis importante dentro dos residuos municipais. "Se miramos o lixo que producimos, a maior parte é materia orgánica. Se iso o separamos e compostamos, o que queda é máis facilmente separable e reciclable. Así conséguense os obxectivos de reciclaxe que se marca a UE, pero, ademais, hai incentivos económicos. As administracións que apliquen este tipo de políticas van aforrar custos. As que non apliquen normativa terán que facer fronte ás sancións económicas correspondentes", insistiu.

En canto ás referencias nas que hai que se fixar para cumprir obxectivos, Simón lembrou que hai países coma "Austria, que o están facendo moi ben en materia de xestión de lixo, Bélxica, Holanda ou o norte de Italia", así como País Vasco, Navarra ou Cataluña, localidades que lle serviron de espello á Deputación para poñer a andar o seu Plan Compost Revitaliza. De feito, no pasado mes de novembro a institución provincial organizou unha viaxe a Navarra e ao País Vasco para que os concellos da provincia puidesen coñecer in situ como funcionaba alí a compostaxe. Tamén se fixo unha viaxe a Milán para aprender do traballo feito. "A nivel europeo hai países que están a conseguir os obxectivos de reciclaxe sen ningún problema e outros aos que lles vai custar máis, como ao Estado español. A nivel galego non son un experto pero creo que, con iniciativas coma a que está levando a cabo a Deputación de Pontevedra, coa separación da materia orgánica, avánzase na boa dirección. Poucas comunidades españolas apostaron así pola xestión seria do lixo e van ter que poñerse as pilas".

Simón tamén fixo referencia aos erros cometidos ata o de agora. Neste sentido destacou que en España se ten apostado por grandes infraestruturas de tratamento de lixo, gastando grandes orzamentos, cando a xestión mediante a compostaxe pode ter menores dimensións (coma os centros de compostaxe comunitaria que pretende poñer en marcha a Deputación) e supón un maior aforro económico e melloras ambientais.

Facultade da compostaxe

Joan Marc Simón quixo eloxiar a iniciativa da Deputación de Pontevedra para crear a "Facultade da compostaxe", na que formar as mestras e os mestres e composteiros que se farán cargo dos centros de compostaxe comunitaria dos concellos. "É moi importante unha iniciativa deste estilo, porque esta xente é a que vai garantir que as cousas se fagan ben, pero tamén pode crear unha boa práctica que pode ser copiada no resto de Galicia e no resto do Estado. Isto é moi positivo", subliñou.

Sobre a aspiración de crear unha titulación universitaria para as mestras e os mestres composteiros, sinalou que a idea "ten percorrido para iso e máis", xa que moitas universidades europeas descubriron xa o filón da xeración de emprego a partir da xestión de recursos e residuos. "A "Facultade da compostaxe"  é só unha pequena parte do que é posible. Pódese xerar moita máis ocupación, máis postos de traballo, xa que se necesita moita máis xente formada para xestionar os residuos coma se fosen recursos", dixo.

En canto aos posibles medos da poboación sobre os efectos secundarios das plantas e os centros de compostaxe comunitarias, Simón quixo deixar claro que "se as cousas se fan ben non hai motivos para recelar, porque hai experiencias dende hai moitos anos en Europa". "Se a recollida selectiva da materia orgánica se fai ben e a xestión é correcta, non ten que haber cheiros e ningún tipo de contaminación. Se se fai mal poden xurdir problemas, pero, por iso, se está formando agora á xente, aos mestres e ás mestras composteiras da Deputación de Pontevedra: para que as cousas se fagan ben", finalizou.