Noticias

Isaura Abelairas reivindica en Ribadumia a educación como ferramenta para acabar coa violencia machista nunha nova acción de "Mulleres en acción. Violencia zero"

100 rapazas e rapaces do CPI Julia Becerra Malvar participaron moi activamente na presentación do mural Mulleres da terra de Cestola na Cachola


18 setembro 2018
Violencia Zero en Ribadumia

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e o alcalde de Ribadumia, David Castro, asistiron este martes 18 de setembro á vixésima intervención artística do programa "Mulleres en acción. Violencia zero", unha iniciativa que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

Ao acto asistiron 100 escolares do CPI Julia Becerra Malvar que interactuaron moi activamente coa e co artista, e aos que a deputada de Igualdade recordou que "non hai sitios máis importantes que colexios e institutos porque é no alumnado onde está o futuro para acabar coa violencia machista. A través do ensino, da educación e da implicación de todas e de todos poderemos poñerlle fin a esta lacra". Abelairas tamén sinalou que "66 alumnas e alumnos galegos e galegas tiveron que ser afastados dos seus centros de orixe en 2017 por problemas de violencia machista. É algo ao que non lle damos moita importancia e por iso, desde a Deputación, queremos chamar a atención sobre o que está pasando".

A e o artista, Xoana Almar e Miguel Peralta, dous dos integrantes da cooperativa Cestola na Cachola, foron a encargada e o encargado de denunciar as situacións de violencia machista mediante o pintado dun mural titulado Mulleres da terra nunha das paredes do colexio. Almar explicoulles ás rapazas e rapaces, que lle fixeron incesantes preguntas, que o mural está inspirado en Julia Becerra porque querían reivindicar "a figura dunha muller da zona". A persoa que da nome ao colexio foi unha importante feminista, aristócrata e política galega que pasou toda a súa vida vencellada ao concello de Ribadumia.

"Mulleres en acción. Violencia zero" reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero.

Esta terceira edición comezou en novembro de 2017 e novamente se celebra este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal).