Noticias

Inicio da Semana Lorquiana no Museo de Pontevedra

Inaugurouse hoxe a programación que se desenvolverá ata o sábado día 30


26 outubro 2021
Inicio Semana Lorquiana

Na mañá de hoxe o alumnado de 4º curso de Educación Primaria do CEIP Manuel Vidal Portela, de Pontevedra, inaugurou a programación que se desenvolverá ata o sábado. Participaron nun contacontos ilustrado no que coñeceron a traxectoria vital e literaria de Federico García Lorca e a súa vinculación con Galicia, ademais de crear unha caricatura do poeta.

Xa para público adulto, celebrarase a mesa redonda ‘Un día das Letras Galegas para Federico García Lorca' o xoves 28 ás sete e media da tarde. A libreira e escritora Mercedes Corbillón exercerá de moderadora e participarán como relatores o historiador e crítico de arte Ramón Rozas e o editor e escritor Henrique Alvarellos. Á mesa seguiralle unha lectura teatralizada do músico e actor Marcelo Dobode.

Finalmente, o sábado 30 realizarase un roteiro titulado ‘Lorca en Pontevedra', que partirá  á unha da tarde dende o Edificio Castelao do Museo.  O roteiro precisará de inscrición previa en polocorreodovento@hotmail.com.

Fotos