Noticias

A Deputación pon en valor as políticas provinciais de apoio ao rural durante a inauguración da Semana Verde

"A institución provincial, cunha achega anual 150.000 euros á Fundación Semana Verde de Galicia, é un socio institucional fiable", destaca Carlos Font


03 setembro 2021
Inauguración da Semana Verde 2021

A Semana Verde Galicia botou hoxe a andar cun acto inaugural que contou cunha ampla participación institucional da Deputación. O deputado Carlos Font encabezou unha representación na que tamén estiveron as/os deputadas/os Gregorio Agís, Ana Laura Iglesias, Ana María Mejías e Raquel Giráldez. Durante a súa intervención, Font subliñou que "a Deputación, cunha achega anual de 150.000  euros á Fundación Semana Verde de Galicia é un socio institucional fiable".

O apoio económico da Deputación á Fundación da Semana Verde mantense estable durante os últimos anos e  fai posible a organización de actividades entre as que destaca esta feira multisectorial. Un apoio, explicou Font, que se enmarca dentro da aposta da Deputación polo rural e o desenvolvemento integral de toda a provincia. "Non falamos só de programas ou subvencións específicas, senón que falamos tamén da estreita colaboración regrada con tódolos municipios, especialmente os de menor poboación, que reciben financiamento estable a través do Plan Concellos para levar a cabo preto de 500 obras, desenvolver centos de actividades socioculturais e contratar a preto dun milleiro de persoas tódolos anos, a meirande parte delas no territorio rural".

O deputado aplaudiu a valentía da fundación para ter recuperado o evento feiral, aínda que sexa en formato reducido e con restricións por mor da pandemia. "Nos peores momentos do confinamento agardabamos por este momento, polo que podemos cualificar esta edición como un acerto", concluíu.

Carlos Font aproveitou o acto para poñer en valor as políticas provinciais a prol do desenvolvemento do rural, entre as que citou as subvencións para cooperativas agrogandeiras (250.000 euros anuais)  e os programas de dinamización do emprendemento rural por parte da mocidade no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación, como o  "TiC Emprendes", no que están a participar preto de 500 mozas e mozos dos 31 municipios da provincia de menos de 5.000 habitantes. O deputado destacou, ademais, que 66 empresas naceron ou "maduraron" dende 2016 nas instalacións dos viveiros de empresas de Lalín e Barro. "Lalín e Barro son hoxe dúas lanzadeiras empresariais imprescindibles", destacou.

O deputado de Economía e Facenda reflexionou tamén sobre o impacto do II Programa de Apoio ao Emprendemento no Rural, canalizado tamén a través dos viveiros, que está facendo posible a captación de talento feminino para a posta en marcha de novas empresas. O papel clave da muller para o emprendemento rural volveu quedar de manifesto, engadiu, co dato de que a gran maioría dos proxectos empresariais tutelados nestes intres desde Lalín son femininos.

Finalmente, aludiu ao proceso de modernización emprendido na finca de Mouriscade, coa intención de  reforzar o seu papel como centro de investigación e mellora xenética de primeiro nivel dende un territorio clave para a gandería, como O Deza. A Deputación, explicou, está en pleno desenvolvemento do Plan de Reactivación co obxectivo de dar un xiro de 180º a Mouriscade, en liña coas propostas do sector e impulsando medidas novidosas como a consulta en tempo real das analíticas a través dunha app ou a creación de comités de persoas expertas e de información nun marco de mellora continua.

Fotos