Noticias

O concello das Neves acada un aforro enerxético do 60% a través dunha achega do IDAE xestionada pola Deputación

Preto de 90.000 euros procedentes de fondos europeos serviron para instalar 196 luminarias LED en lugares como a rúa Álvaro Pino ou a Praza Maior


30 novembro 2021
IDAE As Neves

A veciñanza do concello das Neves desfruta dunha nova iluminación exterior nalgunhas das súas rúas e prazas tras a actuación que se realizou cunha achega de 89.750 euros que o IDAE confirmou á Deputación de Pontevedra. O cambio de luminarias supón ás Neves un aforro enerxético do 60% en lugares como a rúa Laredo, á que acudiron esta mañá o deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde do municipio, Xosé Manuel Rodríguez, xunto a dous concelleiros.

Ademais desta rúa, as actuacións realizáronse noutros puntos do municipio como a EP-4203, as PO-415 e PO-400, as rúas Cruceiro, Álvaro Pino e Marques do Pazo, a  Praza Maior ou a Praza San Agostiño. En total instaláronse 196 luminarias LED, máis respectuosas co medio ambiente e cunha duración estimada de 100.000 horas. Con elas redúcese a potencia instalada mantendo a calidade de iluminación e mellorando a eficiencia das instalacións sen incrementar o número de puntos de luz.

Mediante este tipo de actuacións Deputación promove a consecución do ODS nº 7, que busca garantir o acceso a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna. Ademais, fai un chamamento á sociedade na necesidade de empregar recursos sostibles que sexan o menos prexudiciais posible co medio ambiente, como é o caso da tecnoloxía LED.

A Deputación xestionou estas axudas europeas para renovación de iluminación exterior diante do IDAE, que distribúe en España parte do programa operativo FEDER. Para elo acolleuse á convocatoria para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. As axudas están encadradas dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) para o período 2014-2020 elaborado pola Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Función Pública do Goberno de España.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de  data  17 de xuño de 2017),  polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, modificado polo Real Decreto 1516/2018, de 28 de decembro (B.O.E. nº 314, de 29 de decembro de 2018), e Real Decreto 316/2019, de 26 de abril (B.O.E. nº 130, de 30 de abril de 2019)  e Real Decreto 1185/2020, de 29 de decembro (B.O.E. nº 340, de 30 de decembro de 2020).