Noticias

Ibon Goikoetxea: "O modelo de recollida de lixo porta a porta de Usurbil podería ter o seu percorrido en Pontevedra"

O vicepresidente, César Mosquera, asegura que o Concello vasco, referente en toda Europa polas súas cifras de reciclaxe, prioriza o tratamento da materia orgánica "exactamente igual" que a Deputación


23 feb 2016
Usurbil

O modelo de xestión do lixo de Usurbil é unha fonte de inspiración para a Deputación de Pontevedra. Está baseado na recollida da fracción orgánica (restos de comida e vexetais)  e no tratamento in situ deses residuos mediante a compostaxe, e, segundo o vicepresidente, Mosquera, "é realizable, pódese acadar relativamente rápido e permite aforrar, incluso repercutindo unha rebaixa aos cidadáns".

O técnico medioambiental do Concello vasco de Usurbil, Ibón Goikoetxea, estivo hoxe en Pontevedra para explicar o sistema que se aplica no seu municipio de traballo: priorizar o tratamento dos orgánicos cunha recollida porta a porta de todas as fraccións do lixo, que pode ser aplicable a calquera modelo urbanístico. "É válido tanto para Usurbil coma para Pontevedra, onde tería tamén o seu percorrido, como non!", asegurou.

Goikoetxea explicou que Usurbil é un municipio pequeno de Guipuscoa, de 6.000 habitantes, no que en 2009 houbo unha preocupación municipal pola problemática dos residuos. "Adoptouse a decisión de darlle á parte orgánica a importancia que merece e decidiuse implantar un sistema de recollida porta a porta no que se incidía na cantidade e na calidade. Froito disto, no primeiro mes o nivel de recollida selectiva mudou dun 23 % a un 83 %", explicou.

Para conseguir chegar a un cambio tan brusco Goikoetxea sinalou que o equipo de goberno lles deu "protagonismo aos veciños". "Queriamos que os cidadáns tivesen un punto no que deixar os seus residuos e fosen conscientes do que tiran ao lixo, de como xeran os residuos e de como os deixan. Se o sistema de recollida se adapta ao que xeramos -no que a parte orgánica é o 40 % ou máis- os resultados son inmediatos".

Sobre o sistema de recollida porta a porta o técnico vasco informou de que en Usurbil hai un calendario preestablecido no que se recolle tres días á semana a parte orgánica. Os veciños teñen un colgadoiro diante do portal e un cubo pequeno de 10 litros no que depositan os restos de cociña e vexetais na súa propia vivenda durante dous ou tres días. Ese caldeiro deposítase no colgadoiro o día marcado e é recollido polos servizos municipais.

A tipoloxía urbana do concello guipuscoano, segundo explicou Goikoetxea, é variada, xa que se trata dun municipio pequeno próximo a San Sebastián. Antes da recollida porta a porta xa había domicilios con compostaxe individual (uns 500) e en 2011 implantáronse áreas de compostaxe comunitaria (utilizadas por 200 familias). Finalmente, os residuos orgánicos recollidos porta a porta trasládanse a unha planta de transferencia e compóstanse nunha planta provincial.

En canto aos beneficios que obteñen os veciños da vila por compostar Goikoetxea apuntou que o goberno local non lles incrementou a taxa que pagan. En Usurbil unha vivenda paga anualmente uns 83 euros e é das taxas máis económicas na provincia de Guipuscoa. O servizo ten un pequeno déficit pero susténtase cos ingresos.

O modelo de Usurbil foi coñecido directamente polos concellos que viaxaron coa Deputación a Navarra o ano pasado (Cambados, Cuntis, Silleda, Soutomaior, Barro, Cambados, Bueu, Cangas, Fornelos de Montes, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, Moaña, As Neves, Oia, Ribadumia, O Rosal, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa. Tamén acudirán técnicos de Caldas de Reis, Cuntis, O Grove, Lalín, Mondariz, Pontevedra, Valga, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa). Moitos deses municipios entenderon que o exemplo era perfectamente aplicable en Pontevedra e están a participar no Plan Compost provincial.

Un modelo xa contrastado

O vicepresidente, Mosquera, pola súa banda, sinalou que os principios que quere aplicar a Deputación de Pontevedra nos concellos da provincia "son exactamente os mesmos" que os que está a utilizar o Concello de Usurbil: "tratar con compostaxe individual o lixo que se poida, cos centros comunitarios outra parte e mediante fórmulas moi sinxelas o resto", indicou.

"Nós prefixamos unha serie de principios e criterios de actuación que xa están demostrados. Despois, as solucións técnicas concretas dependen. Se nun sitio se queren colocan os colgadores para poñer os caldeiros e aplicar a recollida porta a porta… aí teñen un exemplo bárbaro en Usurbil para miralo", sinalou.

En canto a Pontevedra, explicou o vicepresidente, "o que estamos ponderando é se os composteiros comunitarios poden cubrir certos barrios ou non. Se non hai sitio para colocalos sen problemas haberá que buscar outro tipo de solución", apuntou, para engadir que "os principios que seguimos na Deputación xa funcionan noutros lugares, que é o que dá optimismo. Temos toda a vontade do mundo en aplicar o Plan Compost e a sociedade pontevedresa está nesa dinámica, estou absolutamente convencido. Estamos en situación moi boa", finalizou.

Ademais da participación de Ibon Goikoetxea no día de hoxe na "Facultade da compostaxe", o módulo de "Compostaxe práctica: pequena e mediana escala" tamén contará esta semana entre os seus relatores co técnico italiano Riccardo Morganti, que falará sobre a recollida selectiva do lixo en Italia; a membro de Adega María Rodríguez Lafuente; a de Amigos da Terra María Durán Beloso; así como o coordinador de campañas escolares do CEIDA Manuel Domínguez, que falarán sobre a recollida selectiva en Galicia. O xoves será a quenda para Francesc Giró e Gemma Nohales, que falarán do "Modelo do 5º contentor e da recollida porta a porta" en Cataluña.

Onte o relatorio para os mestres composteiros correu a cargo de Frederic Puig, que fixo unha análise da situación actual das recollidas selectivas na orixe dos residuos municipais en Europa, España e Cataluña. Puig fixo fincapé en que para acadar as esixencias da UE en materia de residuos os concellos deben traballar na concienciación da cidadanía: "Non podemos tirar o que queremos nun buraco na rúa. Hai un servizo que custa uns cartos ao municipio e por iso o traballo debe ir encamiñado á recollida porta a porta e a utilizar contedores con identificador dos xeradores para así poder limitar o uso e cobrar en función de canto residuo se produce".

O técnico catalán subliñou que os contedores abertos na rúa "teñen ‘teito' en canto a cifras de recollida selectiva" e dificilmente se poderán cumprir obxectivos, polo que incidiu en que se "a Deputación de Pontevedra aplica unha forma de xestión na que se asume que o custe actual do tratamento do lixo é desmesurado, xa por concienciación ambiental ou argumento económico, vai no bo camiño. A iniciativa do Plan Compost é unha maneira de actuar ante a normativa que se debe aplicar", finalizou.