Noticias

Aberto o prazo de inscrición para o I Foro Euro Mediterráneo-Américas que acolle a Deputación de Pontevedra da man da Ruta dos Fenicios

As persoas que desexen participar neste encontro, de xeito presencial ou telemático, xa poden anotarse no sitio web de Turismo Rías Baixas


04 decembro 2021
I Foro Euro Mediterráneo-Américas

A dirección da Ruta dos Fenicios elixiu á provincia de Pontevedra como lugar para realizar o I Foro Euro Mediterráneo-Américas en recoñecemento ao labor que a Deputación está a levar a cabo en promoción dos distintos recursos deste itinerario. Deste xeito, os días 13 e 14 de decembro o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acollerá este foro que busca o impulso dun turismo cultural e social arredor da ruta, que conecta o océano Atlántico e o mar Mediterráneo a través da arqueoloxía.

As persoas que desexen participar nestas xornadas poderán facelo de xeito presencial -con 70 prazas dispoñibles- ou en liña, posto que serán retransmitidas en streaming. Nelas falarán expertas e expertos de diferentes lugares como Chipre, México ou Suíza, que xerarán un diálogo intercultural ao que tamén poderán unirse todas as persoas que o desexen con tan só encher un formulario de inscrición no sitio web de Turismo Rías Baixas (https://turismoriasbaixas.com/gl/inscripcion-i-foro-euro-mediterraneo-americas), onde que se realizarán as reservas de asistencia presencial e telemática.

O programa deste foro articúlase en ponencias, conversas e mesas redondas que xirarán ao redor de conceptos como o turismo social e cultural, o patrimonio, a cooperación cultural ou a diáspora, todo isto ligado á Ruta dos Fenicios e a todo o entramado social que se artellou ao seu redor. Deste xeito, a acción enmárcase dentro do Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023 da Deputación de Pontevedra, onde se recolle o impulso ao turismo científico como actividade sostible e socializadora das comunidades locais cos visitantes.

A Ruta dos Fenicios abarca a conexión xurdida nas grandes rutas náuticas que foron empregadas por este pobo como canle de intercambio comercial e cultural. Atravesa 18 países de 80 cidades e tres continentes, entre os que se atopa a provincia de Pontevedra onde foron descubertos restos fenicios en xacementos como os da Lanzada (Sanxenxo), O Facho (Cangas) ou o Muíño do Vento (Vigo) sendo o territorio máis meridional da Ruta, ademais de ser o primeiro alleo ao Mediterráneo.