Noticias

Guadi Galego e Milladoiro serán os protagonistas da programación cultural desta semana da man de "Musigal" 2020


19 agosto 2020
Musigal 2020

"Musigal", o programa cultural da Deputación de Pontevedra, continúa espallando esta semana a música galega e en galego por toda a xeografía da provincia de Pontevedra con dous concertos. O primeiro deles, programado para este venres, 21 de agosto, terá lugar no parque da Xunqueira de Vilagarcía de Arousa, onde Guadi Galego ofrecerá unha actuación ás 20.30 horas. O segundo será ás 22.00 horas dese sábado, día 22, en Chandebrito, Nigrán, e nel participará o grupo Milladoiro. A celebración dos eventos estará condicionada, non obstante, ás condicións meteorolóxicas.

"Musigal" 2020 ten como obxecto contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego, así como fomentar a defensa da igualdade e favorecer a programación artística nos concellos da provincia. Xunto a isto, esta iniciativa pretende dinamizar a lingua galega, favorecer a vivencia positiva e posta en valor do noso idioma, contribuír ao incremento do seu emprego, así como estender a socialización en galego da infancia e a toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia.

A Deputación de Pontevedra tamén ten programadas varias exposicións que poden visitarse estes días. "Tecendo a natureza" é unha mostra que pon en valor a tradición da cestería a través das obras do último mestre cesteiro galego nesa modalidade, Enrique Táboas. A exposición pode visitarse ata o 30 de agosto na praza de abastos de Mondariz. Pola súa banda, a sede de Vigo da Deputación acolle a exhibición "8M. A palabra empoderada das mulleres", unha obra colectiva de reivindicación feminista que poderá visitarse ata o 1 de setembro. Ademais, no concello de Lalín o ente provincial expón ata o 6 de setembro a mostra "Pegadas na paisaxe. O patrimonio de Deza", que busca dar a coñecer o rico patrimonio arqueolóxico da provincia. A exposición poderá visitarse no pazo de Liñares ata o 6 de setembro.