Noticias

Grande acollida das campañas de igualdade e sustentabilidade da Deputación de Pontevedra no festival O Marisquiño

Carmela Silva: "A igualdade é o noso sinal de identidade e na loita contra os plásticos temos un compromiso irrenunciable fronte a un problema gravísimo"


13 agosto 2019
Campañas en O Marisquiño

O festival do Marisquiño reafirmou o seu compromiso social coa igualdade e a sustentabilidade, feito que se evidenciou coa grande acollida das campañas que sobre estes eidos volveu desenvolver a Deputación de Pontevedra nesta cita do deporte e a cultura urbana que tivo lugar a pasada fin de semana. Así, as campañas #LembraEuDecidoTiRespectas e #ContaComigoEuRespéctote para previr agresións sexuais chegaron neste evento dos Festivais Rías Baixas a 2.370 persoas, mentres que a iniciativa de loita contra os plásticos "Experiencias SOStibles" tamén tivo unha gran repercusión e repartiu milleiros de materiais dos que compoñen a iniciativa.

No primeiro caso, a campaña para previr as agresións sexuais e, máis polo miúdo, as violacións en cita e as agresións por submisión química chegou a 2.370 persoas, das que 1.250 foron mulleres e 1.120 homes. O posto da Deputación estivo instalado durante dúas xornadas, o venres 9 e o domingo 11 de agosto, e nel distribuíronse ademais das guías informativas (2.600 en total) outros materiais, como sombreiros (1.750) e pulseiras (1.900). A grande acollida motivou que en varios momentos se produciran colas de xente no posto.

En canto á campaña "Experiencias SOStibles", que este verán pretende concienciar a poboación contra o uso indiscriminado dos plásticos, o persoal do posto informativo instalado pola Deputación no Marisquiño repartiu nunha soa xornada 2.500 folletos informativos, 100 bolsas de tea, 300 imáns e 400 ecocabichas entre as miles de persoas que se achegaron a el.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, estivo hoxe en Vigo precisamente para dar a coñecer esta iniciativa desde o posto instalado na rúa Príncipe, onde amosou o compromiso da institución provincial co medio ambiente e coa loita contra a contaminación. "Esta campaña vai dirixida sobre todo á concienciación sobre o plástico dun só uso. O plástico pode xogar un papel moi importante de avance, pero teñen que ser plásticos reciclables, de varios usos, e iso precisa de que a xente se conciencie e que tome decisións", sinalou. "Estabamos vendo canto tarda en degradarse un plástico e vai de 100 a 500 anos. E, de feito, no ano 2021 a UE xa determinou que non se van poder usar nin pallas de plástico nin bastonetes do oído, e estarán prohibidos os plásticos dun só uso, que fan tanto dano e que provocaron que haxa cinco illas de plásticos nos océanos". Silva destacou neste sentido que entre os materiais que se reparten pola Deputación nesta campaña figuran vasos elaborados con fécula de millo e de pataca, "que son biodegradables. Polo tanto, tamén se poden facer plásticos con produtos biodegradables", apuntou.

A presidenta lembrou que esta iniciativa xa estivo presente na praia de Samil, ademais de no Marisquiño e agora en Príncipe, como parte da estratexia para achegar esta información aos lugares onde haxa máis afluencia de persoas.

Pola súa banda, Abel Caballero felicitou a Deputación por esta campaña e sinalou que a iniciativa tamén vai na liña do Concello de Vigo de apostar pola reciclaxe coa instalación de plataformas con catro contedores; dous de plástico, un de vidro e un de cartón, onde a anchura das rúas o permita. "Eu vou proclamar Vigo libre de plásticos", indicou. "A ameaza é que no ano 2050 haxa no mar máis plástico que peixes, e iso é a morte deste planeta, e por iso temos que adquirir a sensibilidade na utilización dos menos plásticos posibles. Isto significa ser capaces de reciclalos ben e facer unha utilización racional, por iso creo que esta campaña é tan importante", engadiu.

Por outra banda, dentro desta mesma campaña de loita contra os plásticos, a Deputación repartiu 3.660 vasos reciclables no posto instalado en Tui o pasado domingo, o que amosa a grande aceptación que este material está a ter entre as persoas que se achegan ao posto informativo. Deste xeito, a institución provincial prevé incrementar o número de vasos nas vindeiras accións desta campaña.

Fotos

Vídeos