Noticias

Fotografía e literatura galega actual, unidas nun proxecto do fotógrafo Anxo Cabada dentro do Ano da Lingua

O Pazo provincial acolle ata o día 21 a mostra "O imaxinario do país. Letras de magnesio", que tamén estará en Vigo, Lalín, Cangas e Ponteareas


04 xullo 2018
Inauguración da a mostra

Textos e imaxes de cincuenta autoras e autores da literatura actual galega retratadas pola mirada do fotógrafo Anxo Cabada compoñen a mostra "O imaxinario do país. Letras de magnesio. Retratos fotográficos e autorretratos literarios de escritores e escritoras" que hoxe foi inaugurada no Pazo provincial da Deputación. A exposición, que forma parte da programación cultural do Ano da Lingua, pasará tamén por Vigo, Lalín, Cangas e Ponteareas logo de estar en Pontevedra ata o vindeiro 21 de xullo.

No acto de apertura o deputado de Cultura e Lingua Xosé Leal apuntou que as escritoras e escritores retratadas por Cabada supoñen un conxunto de autores de grande proxección, facendo fincapé na presencia de Premios Nacionais de Literatura Infantil e Xuvenil e na súa relevancia para a mocidade. De feito, o responsable de Cultura indicou que a Deputación considerou desde o primeiro momento o proxecto como moi axeitado para acompañar a programación do Ano da Lingua.

Ademais de louvar o traballo fotográfico de Cabada, o nacionalista asegurou que presentar proxectos como ‘O imaxinario do país' é unha aposta por "seguir promocionando a nosa literatura como un feito diferencial, e ás escritoras e escritores como materia prima esencial para que sexan o noso presente e tamén o noso futuro". A sinerxía que se dá entre o cadro visual das fotografías e das verbas das persoas escritoras, dixo Leal, "deben significar un berro á esperanza, porque a nosa lingua debe contar cun sector potente, que teña percorrido máis alá das nosas fronteiras físicas e lingüísticas, e debe achegar a estas mulleres e homes da literatura máis á cidadanía".

Pola súa banda, Anxo Cabada manifestou a súa satisfacción polo feito de que a Deputación apoiase un proxecto como o seu, "comprometido coa lingua". Destacou que na súa concepción fotográfica sempre buscou imaxes "que desen que falar" e que por iso, logo de retratar xente do mar e de terra, decidiu combinar a fotografía e a literatura galega no seu último proxecto.

O autor explicou que na mostra se pode apreciar unha clara influencia dun dos seus fotógrafos de referencia, Virxilio Viéitez, porque utiliza un escenario cun pano de fondo que crea un espazo único e unha imaxe en branco e negro que lembra á época na que a fotografía supuña un instante máxico. Tamén quixo apostar, segundo dixo, por un traballo no que o retratista e o retratado tivesen unha relación de bis a bis, un clima de complicidade que requiriu de moita paciencia, "e dun cociñado a lume lento", que tiña como obxectivo diferenciar o resultado final da proximidade e o consumo rápido dos actuais ‘selfies'.

Á idea da fotografía como reflexión e de recuperación do pulso da tranquilidade, súmanse os textos literarios que cada autor ou autora achegou á súa imaxe. Así, a mostra presenta un equilibrio entre a mirada do autor das fotos e a mirada das persoas retratadas, tanto a través da imaxe como da palabra escrita.

Neste proxecto, Anxo Cabada estivo traballando durante seis anos, polo que se inclúen imaxes e textos de persoas que faleceron recentemente, como é o caso de Agustín Fernández Paz, Xosé Neira Vilas, ou María do Carme Kruckemberg, para as que o deputado de Cultura Xosé Leal tivo palabras de lembranza.

Tamén recolle as achegas de dous Premios Nacionais de Literatura Infantil e Xuvenil, Ledicia Costas e Antonio García Teixeiro, do ex presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e do actual presidente, Víctor F. Freixanes, así como da académica Fina Casalderrey. Entre as cincuenta persoas participantes poden contarse representantes de diversos estilos literarios e de diferentes idades e xeracións como son Xosé María Álvarez Cáccamo, Antía Otero, Darío Xohán Cabana, María Lado, Yolanda Castaño, María Xosé Queizán, Lucía Novas, Miguel Anxo Fernán Vello, Dores Tembrás, Eva Veiga, Baldo Ramos, Rosalía Fernández Rial, Ramón Caride, Francisco Castro, Estíbaliz Espinosa, Valentín Carrera, Chus Pato, Fran Alonso, Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer, Déborah Vukusic, Anxos Sumai, María Solar, Olga Novo, Anxo Angueira, Manuel Álvarez Torneiro, Marga do Val, Xosé Vázquez Pintor, Mercedes Queixas Zas, Alfredo Conde, Pedro Feijóo, Xavier Rodríguez Baixeras, Xina Vega, Suso de Toro, Silvia Penas, María Reimóndez, Xesús Constela, Esther F. Carrodeguas, Domingo Villar, Manuel Forcadela, Xosé Luis Méndez Ferrín, e Iolanda Zúñiga.

Unha ollada lúcida

Ramón Nicolás, crítico literario e autor do prólogo do catálogo da exposición –editado pola Deputación– apuntou pola súa banda que a publicación é "un libro de compromiso coa lingua, coa linguaxe fotográfica, coa literatura e coa república das letras". Destacou que nel pódese ver a ollada "lúcida e poderosa" de Cabada ao enfrontarse ás escritoras e escritores como figuras públicas, para resaltar que o proxecto "vai quedar como un libro clave para coñecernos a nós mesmos nos retratos e autorretratos".

Pola súa banda, escritora e escritor que forman parte dos retratos da exposición, Ledicia Costas e Antonio García Teixeiro, tamén quixeron ser protagonistas da inauguración da mostra. Costas asegurou o feito "extraordinario de que a fotografía abrace a literatura coa elegancia" coa que o fai Cabada e García Teixeiro apuntou que o autor "busca a parte lírica e humana dos que nos poñemos diante da súa ollada". Ela e el leron diante do público asistente os seus autorretratos literarios.

Finalmente, o acto rematou cunha foto de grupo na que estiveron boa parte das autoras e autores retratados por Cabada en ‘O imaxinario do país. Letras de magnesio. Retratos fotográficos e autorretratos literarios de escritores e escritoras'.

Fotos