Noticias

Fornelos recibirá máis de 48.000 euros da Deputación para crear o parque forestal de Freaza-Río Barragán

O vicepresidente Mosquera destaca que a axuda provincial é un esforzo para solucionar "o principal problema ambiental de Galicia que é o mal estado do monte"


19 outubro 2017
Fornelos de Montes

O Concello de Fornelos de Montes recibirá máis de 48.000 euros da Deputación de Pontevedra para crear o parque forestal de Freaza-río Barragán, que terá unha superficie dunhas 75 hectáreas. Esta achega inclúese dentro do plan para a mellora dos montes da provincia coa creación de parques forestais, que terá un importe total a repartir de 443.966,87 euros, e que pretende aplicar medidas de prevención de incendios e poñer en valor a paisaxe de cada zona, así como os elementos culturais, patrimoniais e de equipamentos, xunto coa dinamización de diferentes aproveitamentos económicos.

O vicepresidente Mosquera, impulsor do plan de axudas para a mellora dos montes, lembrou que a Deputación de Pontevedra é a única administración provincial que, fóra das súas competencias, está a facer un esforzo por solucionar o que definiu como "o maior problema ambiental de Galiza a día de hoxe: o mal estado do monte". Destacou que os problemas de planificación e desleixo son "algo masivo, un desastre absoluto en xeral", o que quedou demostrado coa vaga de lumes dos últimos días, e que se quere evitar e corrixir coas aportacións provinciais –cuxas bases foran aprobadas en marzo deste ano–.

A Deputación concederá oficialmente ao Concello de Fornelos de Montes este venres un total de 5.808 euros para subvencionar a redacción do proxecto do parque (o 80 % do orzamento total de 7.260 euros), así como tamén 42.556,3 euros para a execución das actuacións indicadas nese proxecto, o que supón tamén o 80 % do investimento do orzamento. A proposta da creación do parque forestal deféndese por ter o terreo un importante potencial de cara a un uso multifuncional no que se destaquen os valores ambientais, paisaxísticos, edafolóxicos, forestais, culturais e sociais da zona.

Medidas de prevención de incendios

As medidas de prevención de incendios cobran especial relevancia no futuro parque forestal de Freaza-río Barragán posto que se trata dunha superficie de 75 hectáreas nun concello declarado zona de alto risco de lume forestal dende o ano 2007. O proxecto de execución do parque deberá establecer un plan de defensa contra incendios que comprenderá unha análise da situación (tanto do medio físico como da intencionalidade), do comportamento do lume e o establecemento de medidas tanto que eviten a posible incidencia como que impidan o avance no caso de producirse (creación de áreas de control de combustible e de cortalumes verdes, implantación de pasteiros, e deseño de áreas con aproveitamentos alternativos).

Por outra parte, entre as medidas a realizar no parque deberase elaborar un inventario e catalogación das especies existentes, poñendo de referencia as vulnerables ou de especial valor, a recuperación das masas forestais afectadas polos lumes, así como a retirada da biomasa queimada e recepado de frondosas para favorecer a rexeneración, a consolidación de frondosas nas ladeiras do río Barragán, a implantación vexetal de especies propias en regatos temporais.

Hai que lembrar que o maior valor medioambiental da zona vén asociado ás fragas e ripisilva do río Barragán, que alimenta o encoro de Eiras (espazo natural protexido e de onde a cidade de Vigo capta a súa auga de consumo), o que se pode considerar coma o máis importante bosque oceánico caducifolio da provincia de Pontevedra e onde o carballo é a especie dominante.

Por outra parte, no referente á posta en valor dos elementos culturais e do uso público, no novo parque serán analizados os elementos patrimoniais e tomaranse medidas para a conservación e goce, con melloras en sendas fluviais e tamén mellora de espazos de convivencia. Hai que lembrar que na zona existen pontellas pontes, levadas e muíños hidráulicos tradicionais restaurados, así como unha grande riqueza de patrimonio inmaterial asociada á existencia destes, que debe ser posta en valor.

Finalmente, en canto á diversificación de usos e aproveitamentos, apostarase pola toma de medidas para que o uso gandeiro existente provoque danos nas zonas de recuperación de masas forestais; pola dinamización da explotación apícola e por novas plantacións micolóxicas incluso con especies micorrizadas e a inoculación das masas de castiñeiro existente.