Noticias

Fornelos de Montes dedicará unha praza aos brigadistas forestais cunha escultura da Escola de Cantería

Carmela Silva e o alcalde Emiliano Lage asinaron un convenio para a cesión da peza que lembrará o falecemento de Julio Martínez Da Silva e Rodrigo Amo González no ano 2010


26 febreiro 2018
Emiliano Lage

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, asinaron hoxe un convenio polo que a Escola de Cantería cederá unha peza de máis de dous metros de altura coa figura dun bombeiro coa que o concello quere realizar unha homenaxe aos brigadistas forestais Julio Martínez da Silva e Rodrigo Amo González que faleceron nun incendio no ano 2010.

Silva salientou que, esta obra realizada polo alumnado da Escola de Cantería de 4.200 quilos, ten por obxectivo "render homenaxe a todas as persoas brigadistas da provincia pola súa defensa dos montes, pero en particular, aos falecidos o día 12 de agosto do 2010 en Fornelos de Montes". A presidenta recordou que o "12 de agosto de 2010 faleceron en Fornelos de Montes os brigadistas Julio Martínez Da Silva, natural da parroquia de Estás en Tomiño e de Rodrigo Amo González, veciño da parroquia de Priegue en Nigrán". Ambos bombeiros traballaban no incendio da parroquia de Oitavén en Fornelos que afectou máis de cen hectáreas de superficie no mes de agosto de 2010.

Carmela Silva destacou que o alcalde de Fornelos de Montes levaba tempo reclamando este convenio para poder inaugurar a praza coa cal queren render unha homenaxe a estes dous brigadistas "porque a realidade é que todos os veráns temos moitas persoas dedicadas a extinción dos incendios nos nosos montes. De feito, onte mesmo en Gondomar dedicamos outra figura a estas persoas que traballan na extinción e agora queremos facer este recoñecemento en Fornelos de Montes".

Pola súa parte, Emiliano Lage, alcalde de Fornelos de Montes, agradeceu á presidenta a súa disposición con esta reclamación de toda a cidadanía de Fornelos por aquel terrible suceso de agosto de 2010 "co falecemento dos dous brigadistas en aquel incendio que arrasou Fornelos".

Emiliano Lage destacou que esta escultura vaise colocar no que agora denomínase parque do Multiusos e que será rebautizada como "praza dos Brigadistas". O alcalde de Fornelos de Montes recordou que xa na primeira homenaxe que fixera o seu pobo aos seis meses do suceso, "os propios brigadistas, que participaron na colocación dun fito cos nomes dos falecidos, nos pediran que se merecían unha escultura".

Tras a firma do convenio comezarán de inmediato os traballos para a colocación da escultura e a súa posterior inauguración nun acto de homenaxe aos dous falecidos e a todas as persoas brigadistas.