Noticias

Forcarei recibe 70.000 € do Plan Concellos para construír un aparcadoiro público e substituír a cuberta da casa do concello

O grao de execución en Forcarei sitúase arredor do 85%, o que supón un investimento na vila de 429.093,10 €


22 xul 2016

O Plan Concellos 2016, mediante resolución presidencial da Deputación provincial, vén de aprobar dúas novas axudas ao concello de Forcarei ao abeiro do mencionado plan: en primeiro lugar, 29.535,32 € destinados á construción dun aparcadoiro público e, en segundo, 40.881,31 € que teñen por obxecto substituír a cuberta da Casa do Concello. En total, 70.416,63 € que se enmarcan dentro da liña 1, dedicada a investimentos.

O resto de axudas á vila por parte do Plan Concellos concrétanse en 154.339,61 € na liña 1 para substituír as ventás da Casa do Concello e realizar unha pavimentación na vía municipal que une o cemiterio de Meavía coa Estrada EP-7201, en 75.410,25 € en liña 2 para sufragar gastos correntes, 18.852,58 € en liña 3 para o financiamento de Cabalgata de Reis, a IV Carreira Popular e unha actividade de pilates e, por último, en 110.074,03 € que corresponden á liña 4 de emprego e que foron destinados á contratación de 11 traballadoras e traballadores nos servizos municipais.

Nestes case seis meses, o Plan Concellos xa concedeu o 85,36% do total destinado a Forcarei, situando polo de agora o investimento na vila en 429.093,10 €.