Noticias

Forcarei estrea herba sintética de última xeración no seu campo de fútbol e ve resolta unha demanda histórica gracias á achega de 265.000 euros da Deputación de Pontevedra

Santos Héctor: "Todas as persoas teñen dereito a dispoñer de equipamentos e dotacións de calidade, vivan onde vivan"


17 abril 2021
Campo de herba sintética en Forcarei

O campo de fútbol das Maleitas, en Forcarei, estrea por fin céspede de herba sintética de última xeración e ofrece, polo tanto, unhas condicións óptimas para a práctica deportiva aos clubs e á escola de fútbol base Terra de Montes. A Deputación de Pontevedra deu así resposta a unha demanda histórica da veciñanza cun investimento de 265.000 euros que rematan coa situación de inxustiza que facía que Forcarei fose un concello que carecía dunha instalación deste tipo.

O deputado de Cooperación, Santos Héctor, xunto coa alcaldesa, Verónica Pichel, visitou as instalacións acompañado tamén polo deputado Manuel González e varios concelleiros/as. Destacou Santos Héctor o resultado das obras "que permitiron pasar dunha superficie de terra en malas condicións a unha auténtica alfombra" e destacou que o novo céspede conta con homologación Fifa Quality Pro e Fifa Quality, ademais de norma UNE, garantindo así as mellores prestacións e tamén a súa duración. As obras complementáronse coa instalación de dúas porterías de fútbol 11, outras catro de fútbol 7, bancos para os equipos e a instalación de seis canóns para o rego automático. A maiores Santos Héctor lembrou que a Deputación puxo desde o ano 2017 ao dispor dos concellos un servizo de mantemento anual, que o ano pasado repasou 61 terreos sintéticos en máis de 50 municipios, unha iniciativa da que Forcarei tamén poderá beneficiarse a partir de agora.

A alcaldesa, Verónica Pichel, destacou a satisfacción do Goberno municipal "por ter saldado unha débeda histórica", culminando "unha das primeiras iniciativas que puxemos en marcha ao chegar ao Goberno gracias á Deputación, que dá todas as facilidades para que escollamos as nosas prioridades". "Quen nos dera que outras administracións fixeran o mesmo!", engadiu. A alcaldesa anunciou que a partir da próxima semana comezarán os adestramentos nas Maleitas nunhas condicións moi distintas ás que ata o de agora sufrían as xogadoras e os xogadores. A alcaldesa explicou que trátase dunha primeira fase na transformación do campo, posto que en breve comezará a instalación das torres de iluminación, igualmente con fondos provinciais, e tan só restará a mellora dos vestiarios e as gradas para unha última fase.

Na visita a Forcarei fíxose un repaso ao resultado de varias actuacións financiadas polo Plan Concellos da Deputación, cun importe total de 340.000 euros. Así, ademais da nova superficie de xogo das Maleitas, repasouse a mellora das instalacións do pavillón Paco Rubio (33.766 euros) e a pavimentación da rotonda do polígono de Vilapouca (20.044 euros). Finalmente, estudouse a mellora do pavimento na rúa Norte do polígono da Freixeira-Cachafeiro, unha obra que se vai executar proximamente cun orzamento de case 21.000 euros.

A Deputación leva investidos máis de 5,5 millóns de euros en Forcarei desde que en 2015 cambiou o Goberno provincial. Este ano conta cunha achega de 575.000 euros do Plan Concellos. Neste tempo, o municipio contratou, no marco da liña de Emprego, a un total de 60 persoas desempregadas para traballar temporalmente en servizos municipais. Ademais puido financiar a transformación do antigo albergue en ximnasio no marco do Plan de Reequilibrio cun orzamento total de 390.000 euros.

Fotos