Noticias

"Fame de experiencias?" Gaña o primeiro premio do CIFFT e coróase como o mellor audiovisual de produto turístico do mundo

O vídeo da Deputación imponse nos `Oscar do Turismo´ na escolla dos xurados do Festival de Festivais e converte a provincia no único destino do Estado en lograr un primeiro premio no certame mundial, no que participaron 3.500 vídeos de máis de 120 países


10 decembro 2020
premio CIFFT ao mellor audiovisual

Fame de Experiencias? non podía pechar mellor este ano 2020. Despois de conseguir ata 13 premios internacionais, o audiovisual da Deputación de Pontevedra, producido por Esmerarte, que representou á provincia na campaña de promoción do destino 2019, coróase como mellor película do mundo 2020 na categoría de produto turístico. Os prestixiosos World Tourism Film Awards, coñecidos como o Festival de Festivais, deron hoxe a coñecer nunha gala en liña no palacio Belvedere de Viena os chamados `Oscar do Turismo´, os traballos gañadores da súa 33.ª edición na que participaron 3.500 vídeos de máis de 120 países.

Na súa categoría, Fame de Experiencias? impúxose entre as 32 cintas finalistas de 14 países na votación dos xurados internacionais da rede mundial do CIFFT, o Comité Internacional dos Festivais de Filmes de Turismo, que escolle cada ano o mellor audiovisual turístico do mundo. Tras o audiovisual da Deputación de Pontevedra, o segundo premio foi para Austria, cun audiovisual sobre os Alpes, e o terceiro para Chile. A través do vídeo da Deputación, que pon en valor o produto e as produtoras e produtores do noso territorio, a provincia consegue, ademais, ser o único destino do Estado que logra un primeiro premio. "Córdoba obtivo a segunda posición na categoría de promoción turística dunha rexión, e Madrid tamén foi segunda na de promoción turística dunha cidade". Tras a gala de Viena, a organización do CIFFT comunicou oficialmente a Turespaña e ao Ministerio de Turismo o premio á Deputación de Pontevedra xunto aos de Córdoba e Madrid. Os tres galardóns supoñen que España, xunto a Austria e Francia, sexa o país con máis recoñecementos. A comunicación do galardón polo Comité Internacional hoxe desde Viena encheu de orgullo á Deputación e á empresa Esmerarte, xa que o audiovisual foi un dos primeiros traballos da nova liña de promoción turística da institución provincial, enmarcada no respecto ao medio ambiente, á vangarda, á sustentabilidade, ás novas tecnoloxías e á desestacionalización.

Carmela Silva celebrou o premio acompañada da deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, e de Laura Fontán e Alberto Baamonde de Esmerarte, xunto aos galardóns internacionais obtidos ata agora por Fame de Experiencias?. A presidenta provincial mostrou a súa emoción "porque estes premios están catalogados como os `Oscar do Turismo´ e o noso vídeo é o gañador dun deles". Destacou o "éxito arrasador e incuestionable" que ten tido Fame de experiencias? e indicou que esta é a primeira vez que a Deputación presenta un audiovisual a certames, "pero ímolo continuar facendo e o seguinte será ‘Sigue o teu instinto'". Apuntou que o novo recoñecemento "permite poñer en valor o talento creativo da provincia, representado aquí en Laura e Alberto, e permite que a xente en todo o mundo coñeza que hai un destino turístico no Noroeste do Estado español que é un paraíso e ten tanto que ofertar para atraer visitantes que buscan algo diferenciador". A presidenta tamén puxo en valor que "este premio permite que a xente máis potente do mundo do turismo teña posta a súa mirada neste destino. É como unha gran campaña internacional que custaría centos de miles de euros. A xente da provincia ten que saber que o seu destino, o noso destino, o destino de todas e todos ten xa un Oscar".

Pola súa banda, os directores de Esmerarte, Alberto Baamonde e Laura Fontán, tamén valoraron a importancia do novo galardón. Baamonde sinalou que o recoñecemento a Fame de experiencias? "é consecuencia dunha aposta polo valor das persoas e do territorio, que traballan no día a día na provincia e que son grandes embaixadoras e embaixadoras. Non só as persoas cociñeiras, senón as produtoras, mariscadoras, xente da horta, que son parte da nosa cadea de excelencia que dá valor á nosa provincia e economía. O noso traballo –dixo– é darlle visibilidade". Laura Fontán indicou tamén que, ademais, estes galardóns se conseguiron en competencia con outros vídeos presentados por outros países "cuns orzamentos inmensos que superan o noso".

Premios anteriores

Fame de Experiencias? logrou o seu primeiro recoñecemento en FITUR como mellor vídeo turístico. Desde entón, a súa traxectoria foi imparable con 13 premios internacionais. Despois de FITUR chegaron os Golden City Gate de Berlín, New York Festivals TV & Film Awards, International Tour Film Fest de Bulgaria, Festival de Turismo de Riga, US International Film & Video de Os Ánxeles, SilaFest de Serbia, o Terres Festival, o Festival Internacional de Cine Turístico de Turquía, o TourFilm Festival de Zagreb en Croacia, os dous premios no Festival Art&Tur de Viseu en Portugal e o Premio de Ouro no Festival de Amorgos en Grecia.

O audiovisual da Deputación está centrado no turismo sostible ligado á terra, á natureza, ao produto autóctono, materias primas e ás produtoras e produtores da provincia. O vídeo visibiliza con gran sensibilidade o traballo das persoas anónimas, moitas delas mulleres, que extraen ou cultivan con grande esforzo diario os produtos de proximidade da provincia, pero conta tamén coa participación de nomes de referencia da nosa gastronomía coma Pepe Solla, a xefa de sala de Culler de Pau, Amaranta Rodríguez, Yayo Daporta ou Rafa Centeno.

Fotos

Vídeos