Noticias

""Facer en Italia o cambio urbano de Pontevedra é un soño"

Máis de cen alcaldes e técnicos aplauden en Roma o modelo de mobilidade que a Deputación aplicará na provincia


23 nov 2015
Congreso 'Autonomía é saúde'
Congreso 'Autonomía é saúde'

Máis de cen alcaldes, concelleiros e técnicos italianos, turcos e españois aplaudiron hoxe en Roma o modelo urbano de Pontevedra que a Deputación de Pontevedra quere estender á provincia mantendo as personalidades de cada vila. Os representantes italianos recoñeceron o traballo feito na cidade galega e destacaron a valentía política e o traballo técnico realizados para aplicar melloras urbanísticas poñendo como referencia as persoas e, sobre todo, os nenos. Apuntaron, en calquera caso, que a día de hoxe poder aplicar en Italia o modelo de mobilidade que se utiliza en Pontevedra "é un soño".

Estas loanzas tiveron lugar no congreso "Autonomía é saúde. A autonomía de movemento das nenas e nenos: unha necesidade para eles, un recurso para a escola e para a cidade", organizado polo investigador Francesco Tonucci, impulsor do proxecto internacional "A cidade dos nenos e nenas" e desenvolvido no día de hoxe no Gonsiglio Nazionale de Ricerche.

Foron moitos os participantes que se interesaron en realizar viaxes a Pontevedra para coñecer in situ a cidade e as prácticas aplicadas. Así, nos vindeiros días concretaranse as datas para recibir expedicións de concellos turcos e das proximidades de Roma.

Na quenda de preguntas foron moitas as cuestións relativas ao proceso de transformación da cidade de Pontevedra. Preguntáronse aspectos relacionados co metrominuto e coa necesidade de aplicar desde a Administración unha proposta coordinada para chegar a unha mobilidade global como a que a Deputación pretende aplicar na provincia.

Durante a súa intervención Mosquera explicou que "recuperar a cidade para os cidadáns e os nenos é unha necesidade na sociedade actual e non unha utopía bucólica sen outro motivo que a nostalxia", xa que en Pontevedra se demostrou que, tan pronto houbo a mínima oportunidade, os veciños recomezaron a ocupar os espazos públicos. "Iso demostra que os cidadáns non abandonaron voluntariamente os espazos públicos, senón que foron expulsados para poder dedicar ese espazo aos coches", dixo.

Por outra banda, o vicepresidente subliñou que é posible reconverter a cidade nun espazo de autonomía infantil cun cambio de formulación e un bo coñecemento da mobilidade urbana.

"É preciso comezar coa estrutura urbana e establecer as prioridades que definen a calidade urbana e subordinar o tráfico ao bo funcionamento urbano e á autonomía dos nenos e nenas, e non subordinalo aos problemas e necesidades propias do tráfico en si".

Por último, Mosquera destacou que paga a pena dedicar a enerxía necesaria para poñer en marcha o proceso do cambio e que, ademais, este é politicamente viable. "Pontevedra é unha cidade como moitas outras no mundo que non sería coñecida no panorama internacional de non ser porque aplicou o seu modelo de mobilidade e un novo uso dos espazos públicos. Hoxe Pontevedra é recoñecida pola accesibilidade, pola seguridade viaria, pola autonomía dos nenos... É recoñecida en Europa, nos Estados Unidos, en América Latina, na ONU, en Hong Kong...".

Jesús Fole

No seu relatorio Mosquera estivo acompañado polo asesor provincial de Mobilidade, Jesús Fole, que fixo unha análise da situación de Pontevedra anterior a 1999, cando a prioridade dos espazos públicos era totalmente inversa á actual, na que a persoa é o primeiro, despois as bicicletas, logo o transporte público e finalmente o vehículo privado. Fole mostrou con imaxes como o vehículo expulsaba os veciños das zonas comúns e achegou os datos sobre o tráfico medio que soporta agora a cidade, os datos de contaminación, así como de feridos en sinistros de tráfico.

Finalmente, o arquitecto pontevedrés presentou unha proposta virtual dunha posible remodelación da Piazzale de Aldo Moro, unha praza situada na fronte do edificio no que se desenvolveu o congreso. Explicou que a día de hoxe o vehículo privado ocupa un 75 %  do espazo público e o peón só un 25 %. Fronte a isto Fole redeseñou o espazo con dúas versións. Na proposta de mínimos invertéronse as porcentaxes, acadando o espazo para as persoas o 70 % do total, mediante a redución a un só carril de circulación, a creación de orellas nas beirarrúas e a instalación de pasos de peóns sobreelevados. Na proposta de máximos Fole presentou unha recreación na que o 100 % do espazo era para os cidadáns, cunha gran zona verde dirixida, principalmente, aos estudantes do campus universitario que hai nas inmediacións. A proposta foi recollida por Francesco Tonucci, que indicou que lla trasladaría ao gobernador de Roma entre os aplausos dos asistentes ao congreso.

A seguinte parada do vicepresidente e do asesor provincial será Barcelona, na "XI Jornada Tècnica de Mobilitat. La millora de la mobilitat i la qualitat de vida als centre urbans: creant carrers i espais públics amables", na que falarán durante unha hora para expoñer os obxectivos provinciais de mobilidade deste mandato na Deputación de Pontevedra. O acto foi organizado pola Deputaciò de Barcelona en Santa Coloma de Gramenet.