Noticias

Facer compostaxe? Preto de 150 escolares do CEIP Chancelas de Poio van ser expertas e expertos

Persoal didáctico explica esta semana ao profesorado e a rapazas e rapaces como tirar aproveitamento do lixo orgánico ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación


21 febreiro 2018
CEIP Chancelas

Que se pode botar no composteiro?. Canto tempo pasa para producir o primeiro compost?. Como vai cambiando o lixo orgánico ata converterse nun fertilizante?. É sinxelo controlar o proceso? Todas estas cuestións e moitas outras están a ser aprendidas por preto de 150 escolares do CEIP Chancelas de Poio grazas ás charlas e obradoiros que a Deputación está a realizar ao abeiro do Plan Revitaliza para explicar que é a compostaxe de maneira lúdica.

Persoal técnico de educación ambiental do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), co que a Deputación ten un convenio de colaboración, está a traballar no colexio esta semana explicando a necesidade dunha xestión de residuos sustentable. No día de onte foron as profesoras e profesores os que recibiron as charlas e hoxe tocoulle a quenda a 48 rapazas e rapaces de primeiro e segundo de Primaria e a 97 de entre terceiro e sexto curso. O venres será o momento das máis pequenas e pequenos, de Educación Infantil, e tamén se porá en marcha un composteiro para tratar mediante compostaxe todo o lixo orgánico que se produce no centro, xa sexa de comidas ou de vexetais.

As rapazas e rapaces de 1.º e 2.º participaron no xa famoso ‘Xogo da miñoca', unha variación da moi coñecida `Oca´ na que, formando equipos sentados no chan, resolven preguntas sobre como acadar un bo compost. Para os cursos máis adiantados de Primaria dirixiuse a charla ‘A voltas coa compostaxe', un achegamento ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume, precaucións) e a súa xestión e tratamento, facendo fincapé no proceso de compostaxe dos restos de comida e vexetais.

A Deputación de Pontevedra realiza estas actividades co obxectivo de concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

IES Luís Seoane de Monte Porreiro

Como continuación ás charlas xa impartidas no IES Luis Seoane do barrio de Monte Porreiro do concello de Pontevedra, o alumnado fará no día de mañá unha visita ao centro de compostaxe comunitaria situado na rúa Italia. Alí mestres e mestras composteiras do Plan Revitaliza da Deputación explicarán as diferencias entre facer compostaxe nun composteiro individual como o que xa está instalado no centro de ensino e facelo nun centro comunitario, onde as fases de maduración se van producindo nos diferentes módulos da instalación.

Fotos