Noticias

Éxito da clausura da campaña do proxecto DepoMar no Grove


27 agosto 2021
DepoMar no Grove

Centos de persoas visitaron o stand da campaña informativa do proxecto DepoMar da Deputación de Pontevedra, que recalou hoxe no concello do Grove.  Esta iniciativa, que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha con financiamento europeo xunto á Fundación Biodiversidad, ten como obxectivo fundamental fomentar a protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas mariños en espazos da Rede Natura 2000 da provincia a través da participación activa e directa das mulleres mariscadoras.

A deputadas provinciais Ana Laura Iglesias e Noemí Outeda participaron xunto a varios concelleiros do goberno local do Grove na última xornada da campaña, cuxo punto de encontro foi a Praza do Corgo, na que se instalou a carpa informativa e distribuíuse material divulgativo do proxecto e dous códigos QR: un co audiovisual do proxecto, protagonizado por mulleres do sector do mar e que ten como obxectivo difundir a importancia do traballo da muller mariscadora na conservación dos recursos mariños, que tamén está a difundirse nas redes sociais da Deputación, e outro co código de boas prácticas elaborado no marco desta iniciativa.

Tralo seu paso polos concellos de Vigo, A Guarda, Cangas, Baiona, Redondela, Poio e Cambados, a campaña completou a súa xira no Grove.