Noticias

Excepcional acollida aos Roteiros Literarios e de Arquitectura da Deputación de Pontevedra que arrancan con todas as prazas esgotadas

As preto de 300 prazas para as doce rutas programadas para setembro e outubro completáronse durante a fin de semana


02 setembro 2020

Éxito rotundo dos Roteiros Literarios e de Arquitectura programados pola Deputación de Pontevedra nesta recta final do verán. As doce rutas previstas para os meses de setembro e outubro, enmarcadas na programación para a "Re-Acción cultural" na provincia, esgotaron as preto de 300 prazas ofertadas xa durante a pasada fin de semana desbordando todas as previsións, despois de abrise o prazo de inscrición o día antes. Así mesmo, a lista de agarda para cada unha das rutas supera tamén as vinte persoas.

A excepcional acollida desta nova edición das rutas, así como ás distintas propostas organizadas durante os últimos meses pola institución provincial, amosa o interese da cidadanía por seguir gozando das actividades culturais a pesar das actuais circunstancias e supón un respaldo á aposta da institución provincial por potenciar este sector e as iniciativas para poñelo en valor.

Os seis Roteiros Literarios, paseos nos que autores e autoras comentarán os escenarios de obras propias ou alleas, están organizados pola Deputación e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e arrancarán precisamente este domingo 6 de setembro en Baiona. Nesta vila a autora Iria Misa comentará os escenarios da súa obra Segredos no Solpor. As seguintes camiñadas terán lugar en Vilagarcía de Arousa (13 de setembro) cunha ruta arredor da obra O xardineiro dos ingleses, que conducirá o escritor desta obra, Marcos Calveiro e en Cerdedo-Cotobade (20 de setembro), coa ruta literaria e etnográfica que guiará o profesor e etnógrafo Calros Solla. O 27 de setembro Manrique Fernández conducirá un paseo polos espazos vinculados á literatura en Ponteareas e o 4 de outubro Xosé Monteagudo fará un repaso pola vida cultural, política e social na cidade de Pontevedra, protagonista da súa obra Todo canto fomos. As rutas rematarán o 10 de outubro co percorrido guiado por Anselmo López Carreira sobre o Vigo medieval.

En canto ás seis Rutas de Arquitectura, a institución provincial organízaas xunto a Academia Galega de Belas Artes e teñen como eixe central o Barroco galego, despois da conmemoración do Día das Artes Galegas deste ano dedicada á figura do arquitecto Domingo de Andrade. Estarán guiadas por tres expertas en arquitectura e historia, Estefanía López, Paula Pita e Luz Paz e chegarán a todas as comarcas da provincia. Os paseos serán os sábados e comezarán o 12 de setembro en Pontevedra e Poio, coa visita aos pazos urbanos de Pontevedra e ás igrexas da Peregrina e San Bartolomé na cidade do Lérez, así como ao mosteiro de Poio.

Posteriormente, continuarán o 19 de setembro por espazos representativos deste estilo arquitectónico en Vilagarcía de Arousa e Cambados (templo de Santiago do Carril e pazo de Fefiñáns) e o día 26 por Tui, onde precisamente se sitúa unha das obras de Domingo de Andrade, a catedral. Nesta localidade as e os participantes farán un paseo a pé e visitarán a capela de San Telmo, o convento da Concepción e a igrexa de San Francisco, mentres que logo se desprazarán á fortaleza de Salvaterra. Xa en outubro, o día 3 as rutas chegarán a diversos lugares dos concellos de Vigo (pazo de Castrelos, Museo e Xardíns), Nigrán (Templo Votivo do Mar en Panxón) e Baiona (igrexa de Santa Liberata e ponte da Ramallosa); o 10 de outubro a espazos barrocos de Bueu (capela dos Santos Reis, museo Massó, igrexa de San Cibrán de Aldán) e Cangas (finca do Frendoal e cruceiro do Hío) e o día 17 finalizarán cunha ruta por pazos en Lalín (pazo de Liñares) e na Estrada (pazo de Oca).

O desenvolvemento destas rutas, como destacou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante a presentación destas iniciativas, estarán guiadas por un estrito protocolo con todas as medidas de seguridade e garantías sanitarias fronte á COVID-19 e, deste xeito, os desprazamentos aos lugares de partida deberán facerse por medios particulares. Será obrigatorio o uso de máscara entre as persoas participantes.