Noticias

Eva Vilaverde: "Coa mellora desta cuberta avanzamos no cronograma previsto para modernizar Príncipe Felipe"

A empresa adxudicataria das obras prevé reducir os prazos de execución para que a Escola Infantil comece o curso coa cuberta xa arranxada


02 agosto 2018
Obras tejado Príncipe Felipe

As obras de mellora da cuberta do edificio de Maternais e da Escola Infantil de Príncipe Felipe poderían estar rematadas antes do prazo establecido, e a Escola Infantil podería comezar o curso en setembro coa cuberta arranxada. Así llo comunicaron esta mañá os responsables da empresa adxudicataria, Civil Global S.L., á deputada delegada do centro, Eva Vilaverde, que se achegou ata o recinto para comprobar in situ o desenvolvemento das obras e as posibles interaccións entre esta actuación e a que se está a realizar na rotonda de entrada. "Ao comprobar sobre o terreo o estado calamitoso no que se atopan estas cubertas e como afectan ao edificio e á súa habitabilidade, faise evidente que esta intervención é básica para ofrecerlle ás persoas usuarias deste centro unhas condicións de uso e traballo dignas" indicou a deputada nacionalista ao remate da visita.

Vilaverde amosouse satisfeita porque "todo vai segundo o guión previsto" e aclarou que "marcámonos o obxectivo de modernizar Príncipe Felipe e con esta actuación imos cumprindo o cronograma que nos propuxemos". Neste sentido a deputada lembrou que este proceso de "modernización" comezara coa regulación do funcionamento do centro para, posteriormente, ir avanzando a nivel infraestruturas "cun esforzo importante na mellora das instalacións" asegurou. Así, mencionou as dúas obras de mellora das cubertas, a que se está realizando actualmente a xa rematada e que afectou á escola-fogar, a intervención na rotonda de acceso que tamén está en proceso, e unha última obra pendente de execución encamiñada a renovar a fachada exterior do edificio Agarimo. "Ademais de mellorar a funcionalidade, seguranza e calidade das estancias, o cambio de aspecto de Príncipe Felipe unha vez estean rematadas todas estas melloras será extraordinario" engadiu Eva Vilaverde.

As obras de mellora na cuberta de Maternais e da Escola Infantil foran retrasadas ata o remate do curso escolar, que no caso da Escola Infantil foi o 31 de xullo, e foron deseñadas para adecuar a infraestrutura ás necesidades climatolóxicas do país, xa que a existente era totalmente disfuncional polo seu deseño, e darlle unha solución aos encontros das cubertas cos peches perimetrais e interiores e unha adecuada solución á evacuación de augas pluviais. Así, a intervención inclúe o emprego de novos materiais impermeabilizantes de grande calidade, unha nova rede de saneamento separativo que permitirá que a rede unitaria existente só recolla augas fecais, e a construción de dous novos lucernarios triangulares. A mellora destas dúas cubertas afecta a unha superficie total de 2.484 metros cadrados e a obra corre a cargo da empresa Civil Global, á que lle fora adxudicada por un importe de 295.352 euros e cun prazo inicial de execución de seis meses.