Noticias

Eva Vilaverde aposta por cooperar co norte de Portugal en proxectos de desenvolvemento dos usos da camelia

A deputada delegada da Estación Fitopatolóxica Areeiro mantivo esta mañá un encontro de traballo coas entidades organizadoras da XXIII Exposición de Camelias de Porto


03 marzo 2018
Mostra da Camelia en Porto

"O norte de Portugal e a provincia de Pontevedra compartimos un gran patrimonio botánico e cultural en todo o relativo ao cultivo da camelia, tanto na súa dimensión ornamental e turística como na dimensión produtiva, e todo este bagaxe compartido debe servirnos para avanzar na súa posta en valor, para promocionar e compartir información sobre rutas e xardíns pero tamén para intercambiar experiencias de producións de té e de proxectos de investigación" asegurou a deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde, na súa visita á XXIII Exposición de Camelias que esta fin de semana se celebra en Porto e que conta coa participación de 19 produtores e produtoras. A Deputación, que instala por primeira vez un posto nesta mostra, é a única institución de fóra de Portugal participante, ocasión que aproveitou para difundir os proxectos de investigación sobre a camelia que leva a cabo desde a Estación Fitopatolóxica Areeiro. A presenza pontevedresa nesta mostra complétase coa participación, a nivel particular, de tres produtoras do Baixo Miño, dúas procedentes de Tomiño e unha terceira do Porriño.

Ademais dunha selección de camelias procedentes da plantación de Areeiro, no posto da Deputación tamén se amosaron produtos derivados deste cultivo, como son o té e o aceite, co obxecto de poñer en valor todo o traballo de investigación realizado polo equipo técnico da EFA. "Que estean chegando as primeiras colleitas de té galego ao mercado é posible grazas a todo o traballo de investigación previo realizado desde a EFA e á colaboración coas persoas emprendedoras que queren apostar por este tipo de cultivos, feito que debemos valorar moi positivamente nun momento no que as alternativas na actividade agraria son tan imprescindibles, e este encontro tamén nos ten que servir para coñecer as experiencias similares que se están desenvolvemento na zona norte de Portugal e valorar o seu nivel real de desenvolvemento" asegurou Eva Vilaverde no encontro que mantivo coas entidades organizadoras da mostra, a Cámara do Porto e a Asociación Portuguesa das Camelias. Representantes de ambas entidades, o vicepresidente da Cámara do Porto, Filipe Araújo, e a presidenta da Asociación Portuguesa das Camelias, Eduarda Paz, foron as persoas encargadas de amosarlle á deputada provincial os matices da tradición e do patrimonio portugués ao redor deste cultivo.

A cooperación en materia de investigación entre a Deputación de Pontevedra e a Cámara de Porto remóntase a máis de 15 anos, cando técnicas e técnicos da EFA colaboraron no proxecto de estudo e identificación xenética dos cultivares de camelia máis antigos do Xardín Botánico de Porto. Convén lembrar que a chegada da camelia aos primeiros xardíns da Galiza se produce a través do norte de Portugal, polo que o estudo que se comezou no Xardín Botánico de Porto tivo continuidade na identificación dos cultivares centenarios de xardíns da nosa provincia, como son o de Lourizán ou o de Castrelos.

Eva Vilaverde ten previsto participar durante a tarde de hoxe no acto de apertura da XXIII Exposición de Camelias do Porto e na cerimonia de entrega de premios aos mellores cultivares, que terán lugar no Mosteiro de São Bento da Vitória. Posteriormente visitará algunhas das iniciativas complementarias á mostra, como a cerimonia do chá, a ‘cycle flower parade', e o mandala xigante, con preto de 17 metros de diámetro, que se elaborará con camelias e outras flores do Porto.