Noticias

Europa volve a avalar o modelo de eficiencia enerxética na provincia cunha nova subvención á Deputación de preto de 800.000 euros

Con esta nova financiación do IDAE a renovación da iluminación chegará aos concellos da Agolada, Baiona, Barro, Bueu e Caldas de Reis, para os que se estima un aforro enerxético de máis do 75 %


19 xuño 2021

A reiterada aposta da Deputación de Pontevedra por conseguir unha provincia máis sustentable segue a dar os seus froitos tras acadar a quinta achega do IDAE no que vai de ano para acadar unha iluminación exterior sostible que, neste caso, estará destinada a outros cinco concellos da provincia. Os novos fondos europeos ascenden a preto de 800.000 euros e chegarán a Agolada, Baiona, Barro, Bueu e Caldas de Reis, concellos que verán renovado a súa iluminación pública exterior grazas a estes recursos que neste 2021 xa conseguiu tamén a Deputación para outros 14 concellos e unha entidade local menor.

Con estas novas achegas nos cinco concellos conseguirase un aforro enerxético estimado do 75,43 % ao actuarse en 1.872 puntos de luz, substituír as actuais luminarias por outras LED e actualizar 33 cadros de mando para adaptalos á normativa vixente. En concreto, en Agolada (160.300 euros) actuarase sobre 459 luminarias e 14 cadros de mando conseguindo neste concello un aforro enerxético do 32,92 %. O concello de Baiona (152.500 euros) actualizará 7 dos seus cadros de mando e instalará 468 luminarias LED cun aforro enerxético do 75,17 %, e o de Barro (154.100 euros) fará o mesmo con 5 cadros de mando e 402 luminarias para acadar un aforro enerxético do 75,90 %. Pola súa banda, en Bueu (148.600 euros) actuarase sobre 4 cadros de mando e 453 luminarias co fin de chegar a un aforro enerxético do 85,09 %. Ademais, Caldas de Reis conseguirá un aforro enerxético do 51,16 % grazas ás actuacións sobre 3 cadros de mando e 90 luminarias.

Estas novas achegas do IDAE, sumadas ás concedidas nos primeiros meses do ano á Guarda, Cambados, Crecente, Forcarei, O Grove, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Mondariz-Balneario, Portas, Valga, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa, así como á entidade local menor de Vilasobroso, ascenden a 3,4 millóns de euros cos que a Deputación e os concellos apostan por un modelo enerxético sostible e respectuoso co medio ambiente. Deste xeito, o ente provincial reafirma o seu compromiso cunha enerxía non contaminante no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.