Noticias

Estudantes de xeografía da Universidade de Santiago visitan a sede do AECT Río Miño en Valença

O secretariado técnico do AECT explicoulles o funcionamento deste instrumento de cooperación transfronteiriza e as principais liñas de acción da Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030


29 marzo 2019
Estudantes de xeografía da Universidade de Santiago visitan a sede do AECT Río Miño en Valença

Un grupo de estudantes de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela visitou esta mañá a sede do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Río Miño) no municipio de Valença.

O secretariado técnico do AECT, composto por Lois Pérez Castrillo e Antonio Torres, foi o encargado de guiar ás e aos estudantes durante a visita así como explicarlles o funcionamento deste instrumento de cooperación transfronteiriza. Así mesmo, detallóuselles as principais liñas de acción da Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030.

AECT Río Miño

O AECT Río Miño é un instrumento de cooperación, con personalidade xurídica propia, integrada pola Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. Constituíuse en Valença o 24 de febreiro de 2018 no marco do proxecto Smart Minho, para superar as dificultades atopadas na implementación de proxectos no territorio transfronteirizo.

O obxectivo prioritario do AECT Río Miño é lograr a máxima cohesión económica e social da rexión transfronteiriza do val do Río Miño a través da posta en marcha de programas, proxectos e accións comúns entre os territorios galego e portugués con iniciativas como: a valorización e promoción dos recursos do territorio, a promoción do patrimonio cultural e natural común, a captación de financiamento europeo e estatal para as diferentes iniciativas de emprendemento, a creación e consolidación dunha marca turística "Río Miño" como elemento de identificación do territorio e impulsar servizos e equipamentos compartidos entre os municipios de ambas as beiras do Miño.

O Val transfronteirizo do Miño está situado no eixe Vigo-Porto e abrangue 26 concellos cunha poboación de 376.000 habitantes e unha extensión de 3.312 quilómetros cadrados, sendo a fronteira ibérica máis poboada e transitada. Esta área concentra o 47 % do tránsito medio de vehículos entre ambos os estados.