Noticias

Este Nadal a Deputación de Pontevedra levará o teatro aos fogares de toda a provincia con "Prendendo butacas na casa"

A Deputación "reinventa" o proxecto con oito representacións teatrais en formato en liña que se poderán ver na web institucional


26 novembro 2020
Carmela Silva

A Deputación de Pontevedra mantén o seu apoio decidido ao sector cultural e para iso reconverte o seu programa teatral "Prendendo butacas" á versión en liña, "Prendendo butacas na casa". Co mesmo obxectivo, a institución lanza "Pontevedra plató de cinema", unha nova iniciativa de mecenado que este mesmo ano patrocina catro películas. "Seguimos apoiando a cultura feita en Galicia e na nosa provincia", destacou a presidenta, Carmela Silva.

A presidenta presentou estes dous proxectos como un complemento ao programa "Re-Acción cultural!", lanzado pola Deputación este verán para apoiar ao sector no momento máis crítico da pandemia, e destacou a necesidade de "reinventar" a colaboración institucional co noso teatro e o noso cinema "co ánimo de apoiar á xente da cultura para que poida seguir vivindo".

O principal cambio chega con "Prendendo butacas na casa", a adaptación do programa "Prendendo butacas", que inclúe oito representacións en liña "para un Nadal que este ano vai ser diferente e con reunións e festas restrinxidas", destacou. Así, diante das circunstancias provocadas pola pandemia, as compañías gravarán as súas funcións e farán posible un programa teatral de Nadal en streaming a través da páxina web da Deputación www.depo.gal. "Así que non imos apagar as luces, senón que levamos o teatro ás casas das máis de 950.000 persoas que viven na nosa provincia, que non terán necesidade de desprazarse", remarcou a presidenta.

As 8 obras estarán dispoñibles desde o 24 de decembro ao 3 de xaneiro, e cada unha poderá visionarse durante 24 horas. Carmela Silva destacou o compromiso coas compañías e as persoas profesionais do teatro, cas que había datas acordadas desde hai meses. "Había que estar con elas nestes momentos en que tanto o precisan", afirmou.

O programa "Prendendo butacas na casa" arranca o 24 de decembro coa representación da obra Rosalía a cargo da compañía Cooperactiva. No día de Nadal, 25 de decembro, estará dispoñible a obra Camiños, de ButacaZero. O día 26 será a quenda de Ibuprofeno Teatro, que representará O mel non caduca. Xa o 27 de decembro poderá verse a obra Afterparty, da compañía A Feroz. O teatro volverá o día 30 de decembro con Fíos, a cargo de Baobab Teatro. A xornada da Noitevella está reservada para A maleta de Don Attilio, de Viravolta Títeres. O 2 de xaneiro chegará A galiña azul, de Tanxarina Títeres. E finalmente, o 3 de xaneiro pecha o ciclo con Os tres porquiños, en representación a cargo de EducaTeatro Producións.

"Pontevedra, plató de cinema"

O cinema feito na provincia de Pontevedra ten tamén un oco destacado no impulso cultural da Deputación. "Este foi un ano moi complicado para o sector, que viu adiadas ou suspendidas moitas rodaxes", explicou Silva, "así que consideramos importante impulsar proxectos que fixeron o esforzo de seguir adiante nun momento tan crítico". Nace así a iniciativa "Pontevedra plató de cinema", que xa neste 2020 patrocina catro producións. Carmela Silva engadiu que a Deputación axuda tamén ao circuíto de difusión coa súa estreita colaboración cos festivais de cinema a través da marca común #RiasBaixasFilmFest.

As catro películas cofinanciadas pola Deputación son:

Nación, o filme de Margarida Ledo, producido por Nós. Un proxecto audiovisual centrado no traballo industrial das mulleres. A cinta foi premiada no Festival Internacional de Sevilla, á Mellor Dirección da película do Estado e acaba de recibir o Premio Cineuropa "pola súa infatigable loita pola memoria e o rol feminino na historia do noso país". O guión de Nación é unha homenaxe á historia industrial da nosa provincia e unha posta en valor do rol feminino nas fábricas. Enmarcada no que a directora denomina "cinema de xénero", ten como fin reflexionar sobre a relevancia da muller no sector industrial e sobre a aprendizaxe da sororidade, visibilizando unha época, desde a memoria da represión franquista ata as mulleres formadas de arestora.

9 Fugas, a ficción producida por Xas Films, está dirixida polo vigués Fon Cortizo. Encadrada no xénero do musical, explora dun xeito experimental o proceso de produción cinematográfica, alén de indagar na memoria perdida, nas quebras dos recordos e no oculto e descoñecido. As localizacións de rodaxe espállanse por Vigo, Redondela, Nigrán, Tui, Vilaboa, Cangas e Moaña.

Negro púrpura é unha película de carácter documental (longametraxe) sobre un fungo que nace no centeo e que tivo moita importancia na primeira metade do século XX en Galicia, presentado pola produtora Illa Bufarda, dirixida por Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias.

Devolvendo o golpe, a última das producións que contan co patrocinio da Deputación, é un documental de 50 minutos coa sinatura de Carlos Prado Pampín e producido por Trece Amarillo. Está rodado integramente na comarca do Morrazo e o guión versa sobre a historia de superación do marinense Aarón González (Aarón Thunder). O audiovisual propón unha dobre ollada: a do protagonista e á da súa nai, Rosa.