Noticias

Este luns comeza o prazo para preinscribirse no curso 2016-2017 da Escola de Cantería

Máis de 40 persoas cursan os seus estudos na actualidade neste centro


16 may 2016

A Escola de Cantería, dependente da Deputación de Pontevedra, abre este luns, 16 de maio, o prazo para preinscribirse no próximo curso 2016-2017. Dende o 16 de maio ata o 31 de xullo, as persoas interesadas poderán facelo de dous xeitos, ben online a través da páxina web da Deputación www.canteiros.depo.es ou ben de xeito presencial no Rexistro da Deputación provincial. Dende o 1 ata o 31 de agosto, a preinscrición poderá facerse só de modo on line.

Para estudar na Escola de Canteiros hai dúas opcións: a formación oficial con clases polas mañás de luns a venres, cunha duración de tres anos, ou a formación específica con clases nocturnas (de 7 a 9 da tarde) de luns a xoves e con dous anos de duración. Na actualidade, máis de 40 persoas cursan os seus estudos neste centro provincial.

Dende o ano 1979, a Escola de Canteiros impulsa a formación na arte de traballar a pedra, tanto dende un punto de vista teórico coma práctico. Os estudos oficiais compóñense de materias base para a formación no dominio e manexo de ferramentas, materiais, técnicas e oficios; así como materias complementarias que aportan coñecementos necesarios para facilitar o traballo material de labrar a pedra e os seus posibles usos. Os estudos específicos céntranse nas técnicas de cantería e escultura cunha formación tanto teórica como práctica.