Noticias

Este luns comeza en Caldas de Reis un curso formativo sobre a produción da castaña organizado pola Deputación de Pontevedra xunto a ÓDEGA

O curso forma parte dun convenio entre ambas as dúas entidades para o fomento e promoción deste froito na provincia


03 novembro 2018
Castaña

Este luns 5 de novembro comeza en Caldas de Reis o curso formativo de fomento da produción de castaña na provincia de Pontevedra, como alternativa de aproveitamento agroforestal, que organiza a Deputación de Pontevedra ao abeiro do convenio asinado coa Asociación de Desenvolvemento Rural ÓDEGA. Este curso finalizará o próximo 16 de novembro e impartirase en Caldas de Reis (Escola Taller, Travesía Dona Urraca) en horario de 09.h a 14.h. Esta formación constará de 15 h presenciais e 35 horas na aula virtual.

Este luns tamén comezará a cuarta quenda do curso de formación a distancia, que consta de 50 h de formación e-learning. As persoas participantes poderán completar o curso ata o 30 de novembro.

Accións formativas coma esta incluirán aspectos como o uso de planta resistente á enfermidade da tinta do castiñeiro, poda e manexo das plantacións de castiñeiro, produción ecolóxica e aspectos legais das plantacións; nocións sobre plantacións de castiñeiro orientadas a froito, a madeira e mixtas, así como nocións sobre enxertos, portaenxertos, variedades autóctonas de castaña e produtores híbridos; manexo fitosanitario das plantacións de castiñeiro de froito: identificación de patoloxías, medidas culturais e preventivas e de loita química e biolóxica e comercialización e modelos cooperativos e de agrupación de propietarios para a produción e venda agrupada de castaña de calidade.

Este curso, que xa impartiuse en Lalín e que impartirase posteriormente nas Neves, forma parte do convenio asinado o pasado mes de xullo entre a Deputación de Pontevedra e a Asociación de Desenvolvemento Rural ÓDEGA. Dito convenio ten un importe de 35.000 euros e ten como finalidade o fomento da produción de castaña na provincia de Pontevedra. Ademais destes cursos púxose en marcha nas Neves unha experiencia piloto que consiste no establecemento dunha parcela demostrativa para o cultivo da castaña e unhas xornadas divulgativas e mesas redondas no concello de Silleda sobre o cultivo do castiñeiro e a produción de castaña.