Noticias

Este luns abre o prazo para anotarse na última ruta ornitolóxica da Deputación de Pontevedra "Voando nas Rías Baixas" pola serra do Suído

Terá lugar o domingo 16 de xuño, é gratuíta e a solicitude pode formalizarse en www.depo.es. En todas as rutas anteriores as prazas esgotáronse en escasas horas


01 xuño 2019
Voando nas Rías Baixas

A Deputación de Pontevedra abre este luns, 3 de xuño, o prazo de inscrición para participar na última ruta ornitolóxica do programa "Voando nas Rías Baixas", que impulsa a institución provincial en colaboración con SeoBirdlife. Neste caso, a ruta terá lugar o 16 de xuño pola serra do Suído (A Lama, Fornelos de Montes e Covelo) e ofértanse 25 prazas, totalmente gratuítas, que se cubrirán por orde de entrada da solicitude a través da páxina web www.depo.es. Cómpre ter en conta que en todas as rutas de "Voando nas Rías Baixas" as prazas esgotáronse en escasas horas.

A serra do Suído trátase dun sistema montañoso de alto valor ecolóxico, con elevada presenza de aves rapaces e lobo ibérico. A súa principal característica son os altiplanos nas que abundan os pasteiros, monte baixo de queiroga, toxos e carqueixas e zonas baixas con vales, cursos de auga e bosques autóctonos. En primavera e verán a serra do Suízo é ideal para observar grandes rapaces como o voitre leonado, a aguia calzada, o abelleiro europeo, a aguia cobreira ou o miñato. Ademais, sobre as pendentes de monte existen exemplares de tartaraña cincenta, gata fornela, lagarteiro común, falcón peregrino, picanzo vermello e tordo charlo. Para poder observar todas as especies, a Deputación de Pontevedra porá a disposición das persoas participantes prismáticos, dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar de aves sen molestalas e unha guía de aves.

Con esta ruta pola serra do Suído ponse fin á edición de 2019 do programa "Voando nas Rías Baixas" que comezou o 20 de xaneiro no esteiro do Río Miño e foz da Ramallosa no Baixo Miño e no Val Miñor e continuou o 10 de febreiro pola enseada de San Simón na ría de Vigo, o 3 de marzo pola Reserva Ornitolóxica do Grove e o 19 de maio polas brañas de Xestoso.

"Voando nas Rías Baixas" ten por obxectivo converter a provincia de Pontevedra nun destino máis internacionalizado, máis desestacionalizado e máis sustentable. O turismo ornitolóxico é unha actividade que desestacionaliza e esperta un grande interese, sobre todo entre o público anglosaxón e centroeuropeo. Ademais, con estas rutas estase a apostar por poñer en valor os recursos naturais, sensibilizando á poboación local, así como impulsando o desenvolvemento turístico e económico sustentable dos núcleos rurais en zonas de alto valor ecolóxico, a través da observación e o coñecemento das distintas especies de aves.