Noticias

Esta fin de semana a Deputación volve levar os seus programas deportivos a Galiexpo

A institución provincial terá un punto informativo con material de "DEPOcomparte" e dípticos informativos dos diferentes programas organizados desde o Servizo de Deportes


05 febreiro 2020
Galiexpo

A Deputación de Pontevedra estará presente un ano máis en Galiexpo, un salón dedicado ao mundo do deporte, a saúde e o benestar, que terá lugar desde este venres 7 de febreiro ata o domingo 9 no IFEVI de Vigo.

Na presentación do evento, o deputado de Deportes, Gorka Gómez, afirmou que "na Deputación queremos estar presentes neste tipo de eventos que poñen en valor o deporte e fomentan hábitos de vida saudables porque van na liña que temos fixada co noso Plan Estratéxico de Deportes". Tamén resaltou que "esta fin de semana a cidade de Vigo terá o foco deportivo a nivel nacional grazas a que estamos ante un evento único".

Nesta ocasión, tal e como anunciou o deputado, a institución provincial terá un posto informativo no Pavillón All Sport, no que a Deputación de Pontevedra contará con material do seu programa "DEPOcomparte" e dípticos informativos dos diferentes programas deportivos que está a poñer en marcha.

"DEPOcomparte" é un programa destinado a concellos e clubs deportivos e dedicado ao préstamo, totalmente gratuíto, de material para eventos deportivos. Naceu coa filosofía de compartir todos os servizos da Deputación coa cidadanía e actualmente están a disposición catro arcos de meta, dous podios, oito toldos de 3x3, oito sky dancers, un marcador electrónico, dúas bicicletas adaptadas e dous kits de conos de 50.

Na mostra Galiexpo, que chega á súa terceira edición, a Deputación tamén ofrecerá información sobre os diferentes programas cos que promove os valores da actividade física e do deporte en toda a sociedade. Por exemplo, na mostra estarán presentes iniciativas coma "Depo andainas", "DepoRutas BTT" ou "DEPOrte escolas".

Na rolda de prensa de presentación anunciouse que unha parte do prezo das entradas irá destinado á Asociación Galega de Lupus.