Noticias

A Deputación de Pontevedra continúa espallando a cultura a través da provincia con doce novos eventos en dez concellos

Esta segunda semana de agosto están programados concertos, actividades teatrais, exposicións e contacontos organizados polo ente provincial


10 agosto 2020

obxectivo de facer chegar a programación cultural a todos os recunchos da provincia e democratizar así a cultura, o ente provincial ten programadas ata 12 actividades en 10 concellos do territorio para esta segunda semana de agosto. Nesta ocasión, os concellos de Mondariz, Soutomaior, Poio, A Cañiza, Cuntis, Mondariz-Balneario, Caldas de Reis e Tui acollerán eventos dos programas "Música no ar", "Re-acción nos castelos!" e "Musigal".

Mañá, martes día 11, a programación de "Música no Ar", que ofrece música de cámara en espazos patrimoniais da provincia, chega ao concello de Mondariz co concerto do cuarteto de corda e instrumentos de vento da Orquestra Filharmónica de Pontevedra, que actuará ás 19.00 horas no Castelo de Sobroso. No mesmo lugar, o mércores 12 de agosto ás 17.30 horas terá lugar o contacontos para nenas e nenos "Nin príncipes nin princesas", a cargo de Cristina Collazo. Esta cita está inserida dentro do programa cultural "Re-acción nos castelos!"

O xoves 13 de agosto, "Re-acción nos castelos!" chega ó Castelo de Soutomaior da man de Inversa Teatro coa obra "Té con Kant". A cita será ás 19.30 horas e nela o teatro se fundirá coa filosofía para ofrecer un proxecto experimental que conta co humor e a ironía como bazas fundamentais.

Para o venres 14 de agosto, pola súa banda, están programadas tres actividades musicais. A primeira delas, inserida dentro do programa "Música no ar", terá lugar ás 19.30 horas no Mosteiro de Poio e consistirá nun concerto do quinteto de metais da Orquestra Filharmónica de Pontevedra. Ás 21 horas do mesmo día, o programa "Musigal" chega a Cuntis cun concerto de Verbena Galega na Praza da Constitución; mentres que ás 23 horas Amantes da Terra actuará na Praza Maior da Cañiza nunha cita programada tamén dentro do "Musigal".

O fin de semana tamén estará repleto de actuacións musicais. O sábado 15 de agosto ás 20.30 horas, Andrea Pousa terá unha actuación no Palco da música dos xardíns do Gran Hotel, no concello de Mondariz-Balneario baixo o título "Un verso, un cantar". O domingo 16 ás 20.00 horas, "Música no ar" encherá a Carballeira de Caldas de Reis de música cun concerto da sección de percusión da Orquestra Clásica de Vigo. Por último, o mesmo día ás 22.00 horas Roi Casal levará o seu espectáculo musical "As músicas do camiño" á Rúa de Compostela do concello de Tui.

A Deputación de Pontevedra tamén ten programadas varias exposicións que poden visitarse estes días. "Tecendo a natureza" é unha mostra que pon en valor a tradición da cestería a través das obras do último mestre cesteiro galego nesa modalidade, Enrique Táboas. A exposición pode visitarse ata o 30 de agosto na Praza de Abastos de Mondariz. Pola súa banda, a sede de Vigo da Deputación acolle a exhibición "8M. A palabra empoderada das mulleres", unha obra colectiva de reivindicación feminista que poderá visitarse ata o 1 de setembro. Amais, no concello de Lalín o ente provincial expón ata o 6 de setembro a mostra "Pegadas na paisaxe. O patrimonio de Deza", que busca dar a coñecer o rico patrimonio arqueolóxico da provincia. A exposición poderá visitarse no Pazo de Liñares ata o 6 de setembro.

Tódalas actuacións e iniciativas previstas pola Deputación realízanse con estrito respecto ao protocolo Covid19, é dicir, con aforos limitados, uso obrigado de máscara e distancia de seguridade.